DEPORTE
Aberto o prazo para solicitar ou renovar o carné da Fundación Municipal de Deportes para o curso 2017/18 A Fundación Municipal de Deportes informa que o 1 de setembro abriuse o prazo para tramitar o carné de socio para a temporada 2017/18 na modalidade de nova concesión ou renovación. O carné, nas súas diferentes modalidades, permitirá ao usuario ou usuarios acceder de forma totalmente gratuíta ás actividades deportivas que imparte a Fundación ao longo do curso. As taxas do carné mantéñense nas mesmas sumas que os últimos anos, ao igual que as bonificacións.
06.09.2017.- Segundo as taxas aprobadas hai dous anos e que se manteñen para a temporada que comeza no mes de outubro, o carné familiar terá un prezo anual de 60 euros, mentres que o bonificado será de 50. O carne individual sénior custará 45 euros, mentres que o bonificado obterase por 30. Ademais, mantense o carné xoven por 30 euros por ano, cantidade similar que custará a tarxeta para menores de idades e tamén para maiores de 65 anos. Os interesados deben realizar o trámite de solicitude ou renovación do carné de socio nas dependencias da Fundación, no multiusos de Fexdega, de luns a venres e en horario de 9 a 14 horas. Os formularios poden recollelos alí ou imprimir dende o taboleiro de anuncios da web municipal.
Actividades soltas, a partir do 18 de setembro
A obtención do carné da Fundación permitirá aos seus beneficiarios participar de balde nas actividades deportivas de inverno que organiza o Concello. Tamén se pode optar por anotarse de forma individual ás actividades desexadas sen ter o carné, para o cal deberán abonar a cota correspondente a cada actividade. O prazo de inscrición nas actividades abrirase o día 18 de setembro.