CONCELLO
O Concello e a Confraría de Vilaxoán asinan o convenio para o mantemento da axencia de lectura e o salón de actos do pósito O alcalde, Alberto Varela, e o patrón maior da Confraría de Virxe do Rosario de Vilaxoán, Manuel Tarrío asinan hoxe o convenio de colaboración para sufragar os gastos de mantemento da Axencia Municipal de Lectura e do salón de actos do pósito. Segundo o acordo acadado entre as partes, o Concello asumirá o 50% dos gastos correntes ata un máximo de 6.000 euros anuais. O convenio ten unha duración de un ano prorrogable automaticamente salvo denuncia expresa dalgunha das partes.
21.09.2017.- Como se sabe, o acceso ás dependencias municipais da Axencia de Lectura de Vilaxoán, faise a través das instalacións da Confraría, que tamén facilita o uso dos seus aseos ás persoas que acoden ao punto público de lectura. Por outra banda, o salón de actos da Confraría utilízano diversos colectivos sociais e culturais de Vilaxoán. Todo elo xera uns gastos correntes que Concello e Confraría acordaron financiar a través deste convenio que supón incrementar nun 50% a achega municipal que o Concello estaba a realizar dende o ano 2015, e que co anterior goberno aínda era inferior.
Os gastos correntes que se financiarán a partes iguais son os derivados do consumo eléctrico, auga, limpeza e mantemento das instalación citadas. Como contrapartida a achega económica municipal, o pósito comprométese a manter o acceso ás instalación da Axencia de Lectura, así como o salón de actos da Confraría e baños en perfecto estado de conservación, velando polo seu bo uso.
O convenio tamén prevé a creación dun comité de seguimento para avaliar o seu desenvolvemento e, chegado o aso, resolver as incidencias que poidan xurdir.