EDUCACIÓN
O Conservatorio abre o prazo para anotarse no curso de iniciación á música O Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía organiza unha nova edición do Curso de Iniciación á Música dirixido a nenos. A iniciativa está destinada principalmente a nenos e nenas que cumpran 8 anos en 2018, é dicir, aos nados en 2010, aínda tamén se poderán sumar cativos nados en anos anteriores. As clases impartiranse os mércores, de 18:00 a 19:00 horas no Conservatorio dende outubro 2017 ata xuño e o custe anual da actividade é de 82,65 euros.
27.09.2017.- O curso enténdese como un xeito de aprender educación musical de forma lúdica e participativa, probando, tocando, vendo e escoitando. Os obxectivos do mesmo son que os nenos e nenas adquirirán xa a idades temperás os coñecementos básicos da música a través da experimentación e do xogo e con contidos fundamentais coma o pulso e o ritmo.
O proxecto do Curso de Iniciación Música foi deseñado polo Claustro de Profesores do centro e conta coa autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Nesta ocasión, a actividade será impartida polo profesor Roberto Sánchez Barreiro, aínda que contará coa colaboración de todos os membros do claustro para impartir as sesión ao longo do curso.
O prazo de inscrición xa está aberto e os interesados deberán pasar polas oficinas do Conservatorio, sitas no primeiro andar do Auditorio Municipal, en horario de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 para cubrir a solicitude. O dia 3 de outubro a máis tardar, o centro publicará a listaxe do alumnado admitido. A admisión realizarase tendo en conta a data de nacemento (primeiro os nados nos anos 2010 e 2009) e por rigorosa orde de inscrición.