CONCELLO
O goberno propón retirar os nomes Almirante Fontán e General Yagüe para dedicar as rúas a Paratcha e Pando O goberno socialista acudirá esta tarde á xuntanza do grupo municipal para a revisión do rueiro da cidade cunha proposta baixo o brazo: a de retirar os nomes dos personaxes do réxime franquista Almirante Fontán e General Yagüe das rúas sitas en Vilaxoán e Trabanca Sardiñeira respectivamente. Os socialistas tamén propoñen dedicar estas rúas aos represaliados pola ditadura Laureano Gómez Paratcha e Luis Pando, completando deste xeito o recoñemento que se dará o sábado a estes dous defensores dos principios democráticos mediante o nomeamento de Fillo Predilecto e Fillo Adoptivo.
03.10.2017.- O goberno local convocou aos representantes da oposición á primeira reunión do grupo de traballo que se encargará de analizar o rueiro municipal co obxecto de dar cumprimento á Lei da Memoria Histórica, pero tamén para revisar a nomenclatura baixo criterios de igualdade, xa que as rúas que levan nomes de mulleres son actualmente contadas, e para recoñecer a destacados vilagarciáns.
Neste primeiro encontro a voceira do grupo de goberno, Tania García, tamén lembrará que existe un acordo plenario adoptado no anterior mandato a proposta do PSdeG para dedicar unha rúa á Madre Guadalupe, relixiosa do colexio Filipense e era moi querida na cidade pola súa labor desinteresada a favor dos máis necesitados e desfavorecidos a través de Cáritas e como profesora da escola de Cornazo.