CONCELLO
O concello solicitará á Igrexa que retire a cruz da Falanxe adosada ao templo parroquial O Concello solicitará de novo ao Arcebispado de Santiago que, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, proceda a retirar a cruz de homenaxe aos membros do "bando nacional" e ao fundador da Falanxe, José Antonio Primo de Rivera, sita na fachada principal do templo. Hai 15 anos, o Concello xa fixera unha solicitude similar; o Arcebispado anunciou a súa conformidade e Patrimonio chegou a aprobar o traslado, pero nunca a Igrexa nunca chegou a facelo realidade.
31.01.2018. Na reunión de hoxe participaron todos os grupos políticos agás o BNG, que xustificou a súa ausencia. Na xuntanza adoptouse outro acordo transcendental, este a proposta do concelleiro non adscrito Miguel Alves. Trátase de contratar unha asistencia técnica que asesore á corporación na aplicación da Lei de Memoria Histórica en xeral e na revisión do actual rueiro en particular. A citada contratación será incluída nunha partida dos presupostos municipais de 2018, agora en trámite de negociación entre os distintos grupos.
Por outra banda, PSOE, PP, IU, Somos e concelleiro non adscrito –co apoio xa coñecido do BNG, aínda que hoxe ausente- acordaron aproveitar esa revisión do rueiro para dar maior visibilidade ás mulleres, cuxa presenza é na actualidade meramente simbólica no amplo catálogo de rúas e prazas (non chegan a 10 en todo o termo municipal).
Neste contexto da revisión enmárcase tamén a decisión sobre que viais dedicar á memoria do ex xuiz municipal Luis Pando Rivero e do ex alcalde e ex ministro Laureano Gómez Paratcha, represaliados tralo alzamento militar do 36 e recentemente nomeados fillos adoptivo e predilecto, respectivamente, de Vilagarcía de Arousa.