OBRAS E SERVIZOS
O Concello mellorará este ano o camiño que une as rúas Antuín e Carballos, en Cea O camiño rural que une as rúas Antuín e Carballos, na parroquia de Cea, será obxecto dunha actuación de mellora prevista polo Concello para a súa execución este mesmo ano. As obras previstas suporán o acondicionamento da actual pista de xabre para o seu asfaltado, o que facilitará o tránsito dos numerosos vehículos, especialmente agrícolas, que o transitan habitualmente. A actuación precisa dun investimento de 57.854 euros que se financiarán a través das axudas do Plan de Mellora de camiños Rurais da Agader.
12.02.2018.- O camiño, sito no lugar de Carballido, ten na actualidade unha superficie de xabre que se deteriora moi facilmente co arrastre e a erosión que nel producen as choivas. Como consecuencia das escorrentas das augas aparecen surcos lonxitudinais que dificultan o tránsito de persoas e vehículos, especialmente da maquinaria agrícola das explotacións agrarias ás que da servizo o camiño.
A Xunta de Goberno Local xa aprobou o proxecto redactado polo Enxeñeiro Municipal. No documento prevense actuacións de desbroce, formación de cunetas e nivelación da superficie a tratar, a instalación de sistema de drenaxe superficial da explanada na parte baixa do camiño e a formación de cuneta de formigón para o drenaxe lonxitudinal da vía. Finalmente procederase ao asfaltado da capa de rodadura.