|
Olalla Bouzas naceu en Vilaxoán hai 25 anos. O seu primeiro contacto coa música aconteceu aos 5 anos iniciándose no canto e a guitarra grazas á afección de seu pai. Aos 16 anos pasou a formar parte como solista no grupo “Nova Embaixada” de Vilaxoán. Desde o ano 2003, dirixe asemade coa saxofonista Chus Ferreira, nacida en Catoira, a escola de música “CODA” radicada en Vilagarcía de Arousa. Actualmente continúa a súa formación musical na especialidade de canto lírico coa soprano Aida López no Conservatorio Profesional de música da devandita cidade. O seu último proxecto consiste nunha orixinal proposta que poñerá música a poemas da literatura galega xunto con Teo Cardalda de “Cómplices” que está creando a instrumentación do álbum que se gravará nun curto espacio de tempo en Madrid.