Observaciones |
|
|
Unha carpa instalada diante do auditorio municipal acolle, ata o 21 de agosto, unha singular exposición, “Obxectivo voar”, deseñada pola Fundación La Caixa en colaboración co Museo da Areonáutica e a Astronáutica, do Exército do Aire, e o propio Concello de Vilagarcía. A entrada é gratuíta. Vén coñecer por que voar foi un dos máis antigos soños do home.
A mostra estrutúrase en dúas partes: o ámbito central e a banda da evolución da aeronáutica. A banda está situada no perímetro da carpa que acolle a exposición, onde o visitante poderá facer un percorrido polas distintas etapas polas que pasou a conquista do espazo aéreo. Nela recóllense desde os mitos e lendas da antigüidade, como a de Ícaro, pasando polos inventos de Leonardo da Vinci, o globo aerostático de Montgolfier e o voo controlado dos irmáns Wright, ata chegar ao transbordador espacial.
Pola súa parte, o ámbito central da mostra presenta as leis e os principios físicos que fixeron posible o voo: o principio de Arquímedes, o efecto Bernouilli, a velocidade límite e o principio de acción-reacción. Os visitantes poderán comprender estas leis experimentando nos distintos módulos interactivos. Á súa vez explícanse os diferentes mecanismos de voo -o globo, a á, o paracaídas, a hélice e o foguete- e compáranse coas técnicas utilizadas no mundo animal e vexetal.
Horario: De martes a domingo, de 11 a 14 h e de 18 a 22 h. Luns, non festivos, pechado. |