Observaciones |
|
|
“Non é unha charla nin unha conferencia. Tampouco é teatro, nin un show… É un pouco de todo. É un discurshow”. Deste xeito presentan o actor e director de escena Vicente de Souza e o científico, divulgador e profesor da Universidade da Coruña Xurxo Mariño o espectáculo que crearon e que presentan o martes no Auditorio de Vilagarcía en dúas sesións. A primeira, ás doce do mediodía está dirixida a escolares. A segunda, ás 20.30 horas está aberta ao público en xeral.
Os “discurshows” son espectáculos que duran aproximadamente unha hora e media e que teñen por obxectivo “transmitir coñecemento dun xeito atractivo e divertido, mais sen abandonar o rigor”. Están pensados para todo tipo de público e traan temas relacionados coa ciencia e o coñecemento. O Darwin meños coñecido O primeiro dos “discurshows” creados por Souza e Mariño é Matarratos Darwin. Nel detállanse as anécdotas que normalmente non se contan da viaxe do gran naturalista británico a bordo do Beagle. “Todos temos algunha idea de quen foi Darwin, algúns teñen algunha idea de en que consisten os seus traballos e teorías –desenvolvidas logo de dar a volta ao mundo utilizando para as etapas máis longas un barco chamado Beagle–, pero moi pouca xente coñece os motivos reais desa viaxe, as anécdotas que xurdiron e as aventuras e desventuras que viviu o mozo Darwin entre 1831 e 1836. Iso é o que contamos en Matarratos Darwin”, explican os seus creadores. A imaxe idílica dun naturalista paseando pola selva e arrepañando plantas e bolboretas ten pouco que ver coa realidade á que se enfrontaba un científico inexperto no medio da Pampa arxentina ou entre os habitantes indíxenas de Terra do Fogo. Nos seus longos roteiros –case sempre a cabalo– Charles Darwin recollía –mellor dito, mataba, a tiros ou a marteladas– todo tipo de animais: armadillos, guanacos, cóndores, raposas, tartarugas, ratas e ratos. Moitos deles tamén os comeu, engaden.
Ademais, sufriu enfermidades, temporais, terremotos, escalou montañas e pasou frío, medo e, tamén, momentos de felicidade extrema ao contemplar o planeta Terra cunha mirada aberta, intelixente e chea de curiosidade.
“Matarratos Darwin e unha pequena visita ás aventuras dun naturalista inglés nun planeta descoñecido”, conclúen. |