Observaciones |
|
|
O cantautor arxentino León Gieco ten, entre outros moitos haberes, o de ser o compositor da canción “Sólo le pido a Dios”, versionada por infinidade de intérpretes en todo o mundo, entre eles, en España por Ana Belén.
León Gieco é, sen dúbida, un dos referentes latinoamericanos da música contemporánea. O escenario da Xunqueira brillará coa presenza deste cantautor popular arxentino que denuncia inxustizas sociais a través das súas cancións. “Antes que músico son persoa”.
Gieco caracterízase por mesturar a música tradicional e popular co rock arxentino e polas connotacións sociais e políticas das súas cancións, a favor dos dereitos humanos e a solidariedade cos marxinados.
No seu espectáculo “Íntimo-interactivo” León Gieco convértese no fío condutor dunha historia a contar. Durante o concerto fai un percorrido musical que repasa o últimos corenta anos, onde tamén se mesturan a súa historia persoal e profesional, coa poesía, os rostros, as cancións, a sociedade e a política arxentina.
No concerto tamén hai lugar para as homenaxes. Os protagonistas son as grandes figuras da música popular arxentina e latinoamericana, como Víctor Jara, Violeta Parra ou Atahualpa Yupanqui, aos que León Gieco dedica unha canción para que sexan traídos á memoria.
Ao longo da súa carreira, ten compartido escenario e gravado colaboracións con artistas da talla de Sting, Peter Gabriel, Davis Byrne, Joan Baez, Chico Buarque, Joan Manuel Serrat, Pablo Milanés, entre outros. Como curiosidade, o pasado 21 de xaneiro deste mesmo ano Gieco actuou como teloneiro da banda estadounidense Metallica no seu concerto no estadio do River Plate en Buenos Aires.
O concerto plantéxase tamén como unha homenaxe de Vilagarcía á República Arxentina no seu bicentenario. É por iso que dende o concello cursarase unha invitación oficial ao consul do país latinoamericano para que asista ao evento. |