Observaciones |
|
|
Esta ambiciosa mostra sobre a figura histórica deste insigne intelectual galeguista pretende, no ano no que se cumpre o 75 aniversario da morte de Bóveda, un achegamento ameno, sintético e divulgativo á súa intensa biografía, marcada polo seu activismo e compromiso e pola súa fidelidade inquebrantábel ao progreso do seu pais e das súas xentes.
Auténticas reliquias
A exposición achega unha visión moi íntima e persoal de Alexandre Bóveda, porque ademais de dispor de cinco paneis informativos e unha proxección audiovisual de carácter biográfico e testemuñal, conta cunha exhibición de obxectos persoais que lle pertenceron en vida
A figura de Bóveda Alexandre Bóveda é, sen dúbida, unha das figuras crave da nosa historia contemporánea. Na súa curta vida desenvolveu algúns dos máis importantes proxectos sociais, económicos e políticos ideados de face á creación dunha Galicia dona de si. A propia redacción do Estatuto de Autonomía, a consolidación do Partido Galeguista, a posta en marcha dun proxecto financeiro galego, a reflexión sobre as caixas de aforros ou o plan de viabilidade dun medio de comunicación en galego como era A Nosa Terra son iniciativas que partiron da súa brillante actividade intelectual.
O seu asasinato na Caeira, no amencer do 17 de agosto de 1936, sobrecolleu ao país e supón o xerme da celebración do Día de Galiza Mártir, primeiro no exilio e logo xa na terra, en Pontevedra, cidade que viu desenvolver gran parte do seu labor político intelectual.
|