Observaciones |
|
|
Miguel Pernas e Luma Gómez son a parella de actores que interpretan "Último Cowboy", un espectáculo producido pola compañía Teatro do Noroeste.
"Último Cowboy" é un texto sobre a crise que nos desfonda economicamente, sobre os bancos que nos chuchan os cartos, sobre Europa e a súa improbable construción, tamén sobre a soidade do individuo neste mundo globalizado e sobre os valores que nos inculcaron os nosos maiores e que agora xa non teñen vixencia.
En “Último cowboy” enfróntanse dúas Europas, a Vella e a do Este, expoñéndose con precisión as importantes diferenzas que as separan pero constatando que terán que aliarse en harmónica conxunción se queren manterse á altura do “amigo americano”.
“Último cowboy” é tamén unha comedia aceda sobre as relacións familiares. A absoluta posta en cuestión da familia como célula fundamental do noso instinto social. Se a familia é a unidade unicelular da nosa sociedade, non se pode agardar moito dun corpo composto por células canceríxenas.
Pero, sobre todo, “Último cowboy” é un texto teatral de personaxes ou, dito doutro xeito, de actores. As dúas personaxes que nel aparecen, amais dos varios que sen aparecer fisicamente, están; constitúen a esencia mesma da propia proposta. Soamente xente singular pode aportar singulares visións e, do mesmo xeito, só personaxes singulares poden expresar con rotundidade e contundencia a singularidade desta caótica deriva da nosa sociedade. En definitiva, “Último cowboy” tenta ser un espectáculo en clave de comedia aceda sobre a nosa realidade máis complexa e inmediata. |