|
O parque de dona Concha e a explanda portuaria acollen unha nova edición da Festa das Revenidas, na que se combina gastronomía con música e humor. O programa é este:
O día 15, venres, polo escenario da explanada portuaria pasarán Güinterman, un grupo que fai música balcánica; os Labregos do Tempo do Sputnik, cunha sorprendente proposta musical e humorística: os The Booze Brothers, uns franceses que fan música irlandesa; e o picadiscos DZ Selectors, que pinchará temas de moitos dos grupos que xa pasaron por Revenidas en edicións anteriores.
O día 16, día do Carme, será a gran xornada festiva. Os Xirifeiros e os Terribles de Arousa abrirán o día cos seus pasarrúas. ÁS 12 do mediodía será o momento do tradicional “chupinaso”, cuxas características a organización aínda non ten decididas. A continuación comezará a primeira sardiñada, na que se utilizarán arredor de 1.000 quilos de sardiñas “revenidas”. Ao tempo, o grupo de Maxia de Preto fará a ledicias dos comensais.
Xa pola tarde, despois das 16,00 horas, actuará a batukada de Trópico de Grelos, o Galiza´s Pulgas Circus, que é, efectivamente, un circo de pulgas; e os equilibristas de Circo Claxon.
A partir das 20,00 horas comezará a segunda e definitiva sardiñada, ao tempo que actúan Peter Punk e o Neno Imperdible, e Tony Lomba, un showman especializado en utilizar a canción hortera para meter en danza a todo o público que está ao seu arredor.
Por fin, xa a noite, chegará o momento do gran concerto, no que actuarán O Leo e o Arremecaghoná, o grupo barcelonés La Troba Kung Fu, os irreverentes Medomedá, e a Banda Crebinsky, para concluír co recoñecido picadiscos Fonky Omar, que traballa con artistas como Bebe e que unha vez que coñeceu as Revenidas, expresou o seu desexo de participar en Vilaxoán e cumpriuno.