|
A Concellería de Cultura invita ao teatro a 750 alumnos de Primaria de Vilagarcía no marco dos actos programados para celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Os escolares terán a oportunidade de achegarse á figura da poetisa galega a través de “Rosalía”, unha obra que presenta á autora de “Cantares Gallegos” durante a súa infancia. A asistencia é de balde para os escolares dado que a Concellería de Cultura asume o custe das entradas.
A infancia de Rosalía de Castro é a protagonista desta nova produción de Culturactiva, unha montaxe destinada ao público infantil e familiar e que recrea a vida da escritora nun dos seus momentos de cambio fundamentais para a súa vida, o traslado desde Padrón a Santiago de Compostela. A escritora galega ten sido protagonista de obras no teatro, pero esta é a primeira oportunidade na que o público pode atoparse coa nena que foi. “Rosalía” afonda na infancia dunha rapaza fantasiosa e rebelde que imaxina o mundo e pon a xogar ás palabras. Fina Calleja dirixe un texto de Nate Borrajo, interpretado por Cris Collazo e Rocío González.