Se a súa posición de centralidade con respecto ó eixo atlántico A Coruña-Vigo, a súa condición de oitava cidade de Galicia e centro neurálxico dunha das comarcas máis dinámicas de Galicia, fan de Vilagarcía de Arousa un lugar ideal para vivir e comprar, esas mesmas condicións explican a súa idoneidade para o investimento empresarial.
En efecto, Vilagarcía é un dos cinco portos de interese xeral do Estado en Galicia, ten acceso directo á autoestrada A-9, que vertebra a fachada atlántica galega e a súa vez conecta coas autovías á Meseta e as grandes vías de comunicación con España e Europa, e conta con estación do ferrocarril na liña A Coruña-Vigo, unha das máis rendibles de Renfe en España.
Non é estraño, pois, que Vilagarcía sexa sede de importantísimas empresas, moitas veces descoñecidas para os propios vilagarciáns, é o caso de Lantero, Cefrico, Larsa, Fundiciones Rey, Kwarner Eureka, Cepillos Mariño, etcétera. O tecido industrial, sen embargo, está dominado polas pequenas e medianas empresas. Deste xeito, en Vilagarcía sitúase máis da metade do solo industrial do Salnés e o seu índice industrial triplica ou cuadriplica o dos demais concellos da comarca.
Para afianzar esta posición, dende o Concello se ofrecen vantaxes fiscais para favorecer a instalación empresarial, e se informa e asesora sobre axudas autonómicas, estatais e comunitarias a través da Concellería de Promoción Económica.
Na actualidade, Vilagarcía conta con tres polígonos industriais, Bamio, Trabanca e O Pousadoiro, á espera de que este último poida ser ampliado para dar resposta á demanda existente.