Pola súa singular posición xeográfica e pola súa orixe portuaria, Vilagarcía ten unha fonda tradición comercial. Dende hai moito tempo, é o centro de maior actividade económica dunha das comarcas máis dinámicas de Galicia, O Salnés. De feito, o seu mercado data do século XVII e aínda hoxe é un dos máis concorridos de Galicia, a Cámara de Comercio –hoxe unida ás de Pontevedra e Vigo- foi fundada hai máis de cen anos, e a súa fundación feiral foi pioneira en Galicia.
Pero o comercio vilagarcián é moito máis que un mercado, unha praza de abastos ou unhas feiras. Nos últimos anos, e froito da conxunción das iniciativas municipais e empresariais, o comercio local sufriu unha profunda renovación, de xeito que hoxe conviven perfectamente afamadas franquías nacionais e internacionais con tendas tradicionais, máis especializadas. E a política de humanización de prazas e rúas, moitas delas peonalizadas, fan que a necesidade de saír a comprar se converta nun momento de lecer.
A actividade de promoción da asociación de comerciantes “Zona Aberta”, unido a todo o anterior, fai do centro urbano un lugar onde é posible atopar de case todo sen necesidade de desprazarse a outras cidades. Vilagarcía, xa que logo, é tamén unha cidade para comprar.