TURISMO
Máis de medio millón de persoas visitaron e/ou pernoitaron en Vilagarcía durante os meses de verán A tempada turística de verán en Vilagarcía pechouse con resultados moi positivos e que demostran tanto o potencial da cidade como destino turístico como a capacidade para acoller aos visitantes. O que xa se intuía a simple vista corroborouse onte coa presentación dos datos obtidos pola Mancomunidade do Salnés mediante a aplicación do Big Data, tecnoloxía que, utilizando as xeolocalizacións dos teléfonos móbiles, permite afinar cunha fiabilidade case absoluta, o número de persoas que visitaron a cidade, as súas procedencias e mesmo o tempo que pasaron nela. Deste xeito sábese que 542.724 persoas visitaron e/ou pernoitaron en Vilagarcía durante os meses de xullo, agosto e setembro.
11.10.2023.- Os datos proporcionados pola Big Data completan ás estatísticas que anualmente elabora a Oficina Municipal de Turismo, que, ao referirse tan só ás persoas que facían uso deste servizo, si ben permitían realizar uns perfís orientativos da actividade turística, non a recollían na súa totalidade, como si o fai a tecnoloxía móbil.
As espectaculares cifras foron presentadas esta mañá no Concello polo alcalde, Alberto Varela, o concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, e o xerente da Mancomunidade, Ramón Guinarte. Este explicou que no estudo diferénciase aos visitantes - as persoas que veñen a coñecer a cidade pero non pernoitan nela- dos turistas -os que si se aloxan-. Neste último punto hai que salientar outro dato positivo: a duración das estancias, que no último ano se estenden un día máis, pasando dunha media de 2,6 a 3,6 noites, co correspondente beneficio para o sector e para a economía local no seu conxunto.
Respecto a este grupo, cómpre salientar que nos tres meses de verán Vilagarcía recibiu a 75.899 turistas (71.679 nacionais e 4.220 internacionais), o que supuxo un incremento do 13,1% en relación ao ano 2022. O número de visitantes tamén mellorou un 10,4%, ao sumar 466.825 persoas.
A comparativa mensual arroxa datos interesantes, como o 17% máis de turistas (os que pernoitan) e o 7% de visitantes que acudiron a Vilagarcía en setembro en relación ao mesmo mes de 2022. Este incremento supera incluso o rexistrado en agosto, o mes turístico por excelencia, e no que a actividade medrou un 5% no que a turistas se refire e un 12% no de visitantes.
Desestacionalización da oferta con actividade todo o ano
O alcalde lembrou que, si por algo destaca Vilagarcía entre o resto dos municipios da comarca, é que a actividade turística non se limita ao verán. Para Varela isto débese aos atractivos e servizos que ten a cidade e tamén á ampla e variada oferta cultural, musical, comercial, natural e de ocio da que se dispón ao longo de todo o ano. Neste punto, o rexedor apuntou tamén as políticas de desestacionalización levadas a cabo nos últimos anos polo Concello coa creación e potenciación de eventos públicos e privados fora da tempada estival, como os ciclos de concertos matutinos de Achégate ao Salón, do Ágora Vermú, os espectáculos do Auditorio, a Cidade de Libro, o Clasclás, o CURTAS, os torneos deportivos ou os festivais de música como o Atlantic Fest ou o Revenidas.
581 prazas de aloxamento máis que en 2022
Un dato tamén moi importante é a notable mellora da capacidade de aloxamento turístico que rexistrou o municipio no último ano, ao pasar das 2.189 prazas rexistradas pola Xunta de Galicia en 2022, ás 2.770 do ano en curso. Este incremento debeuse sobre todo á proliferación de vivendas turísticas, que pasaron de 257 a 368, o que supuxo dispor este verán de 1.925 prazas neste tipo de aloxamento fronte as 1.336 coas que se contaba o pasado verán. Os rexistros da Big Data tamén ofrecen un perfil da procedencia das persoas que elixiron Vilagarcía como destino das súas vacacións este verán. Predomina con moita diferenza o chamado turismo de proximidade, tanto no bloque dos visitantes e turistas nacionais (desprazados principalmente de municipios da provincia de Pontevedra, seguido dos da Coruña), como dos internacionais (con Portugal e Francia como os países que maior afluencia aportaron). Guinarte chamou a atención sobre o sorpaso dado polo turismo francés fronte ao alemán, que pasa ao terceiro lugar, así como a significativa aparición do estadounidense.
Promoción conxunta
A modo de conclusión, o alcalde puxo en valor a labor realizada nos últimos anos dende a Mancomunidade do Salnés para “deixar de lado os localismos e traballar nunha promoción e oferta turística conxunta, porque non podemos esquecernos de que esta comarca é a que maior actividade turística rexistra de toda Galicia e cuxa capacidade de aloxamento supera á que suman as principais cidades de Galicia”.
Por último, Varela Paz, volveu a demandar á Xunta de Galicia que “deixe de discriminarnos e poña en marcha do albergue de peregrinos de Carril, para que Vilagarcía tamén poida beneficiarse do potencial turístico do Xacobeo e da tradición dos Camiños”.