BIBLIOTECAS
Vilagarcía celebra o día da Biblioteca premiando aos mellores lectores das seccións infantil e xuvenil Vilagarcía celebra hoxe o Día da Biblioteca facendo entrega dos premios aos mellores lectores-usuarios das seccións infantil e xuvenil do servizo municipal. O acto celebrase a partir das cinco da tarde nas dependencias da rúa Rey Daviña e os once nenos e nenas premiados recibirán como agasallo un lote de libros adaptado as súas idades e un diploma conmemorativo que lles foron entregados polo alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Educación, Paola María.
24.10.2023.- Os nenos e nenas premiados este ano son Pilar Labarta Castro, Martín Santos Doval, Celia Rodríguez Miranda, Martín Costa Calvo, Niko Chazo Pomares, Roi Díaz Castro, Brais Lago Saborido, José Manuel Gil Martínez, Carolina Rodeiro Ruel, Liria Katay Bouzas Debowska e Adriana Diz Escaloni. A Biblioteca Municipal Rosalía de Castro leva algo máis de dúas décadas distinguindo aos mellores lectores/usuarios das seccións infantil e xuvenil, unha iniciativa que ten como obxectivo premiar a constancia e fidelidade dos máis pequenos na utilización do servizo de préstamo, ademais de fomentar a utilización da Biblioteca e os hábitos de lectura dende a infancia. Os premios concédense entre todos os usuarios dos centros incluídos na Rede Municipal de Bibliotecas do Concello que, ademais do centro de referencia, integra ás Axencias de Lectura de Carril, Bamio e Vilaxoán.
Para poder optar a estes premios, os socios deben ter entre 6 e 12 anos de idade e posuír a tarxeta de préstamo cunha antigüidade igual ou superior a 6 meses. Outro requisito que debe cumprirse é que os usuarios teñan retirado libros en préstamo ao longo do último ano, aló menos en 4 meses distintos.