CONCELLO
O executivo revisa as melloras do centro veciñal da Laxe e recolle novas propostas da asociación Contra Vento e Marea Unha delegación municipal encabezada polo alcalde, Alberto Varela, visitou esta mañá o centro veciñal da Laxe co obxectivo revisar as obras realizadas nas últimas semanas nas instalacións para resolver os problemas de filtracións de auga e humidade que estaba a rexistrar. Os traballos foron financiados polo Concello a través dun convenio de colaboración por importe de 4.400 euros. Os membros do goberno local foron recibidos pola directiva de Contra Vento e Marea, asociación que xestiona o centro de titularidade veciñal.
25.10.2023.- O rexedor, xunto co concelleiro de relacións veciñais, Lino Mouriño, e o edil de Promoción Económica, Álvaro Carou, tiveron a oportunidade de comprobar que os arranxos realizados na cuberta foron eficaces xa que, pese a intensa chuvia que estaba a caer nese momento, igual que nos días anteriores, non se producía ningunha filtración.
Varela Paz lembrou que aínda que o centro veciñal da Laxe non é de titularidade municipal, o Concello considera necesario colaborar tamén no seu mantemento en recoñecemento á importante labor de dinamización socio cultural que acolle. Nesta mesma liña, agradeceu á directiva da asociación Contra Vento e Marea o traballo que están a facer para manter unha programación estable e recuperar festexos.
Os directivos comentaron o éxito do último evento realizado, unha festa dos callos, e explicaron que xa estaban preparando algo con motivo de Santa Eulalia, unha celebración con moita tradición na Laxe pero que deixou de festexarse dende hai uns anos e que o colectivo pretende recuperar, como xa o fixo coa de Santa Marta.
Arranxo da tarima do escenario e outras colaboracións
En vista da festa que se está a preparar para principios de decembro, o alcalde comprometeu nova colaboración municipal para que os actos poidan celebrarse no interior do centro veciñal. Neste caso, a axuda do concello centrarase no arranxo da tarima do escenario, ademais de axuda noutras melloras.