CONCELLO
Os novos contedores de carga lateral para a recollida do lixo comezan a despregarse nas zonas urbanas no sistema de illa A renovación da contenerización do servizo de recollida de lixo está a piques de comezar tras ter recibido a concesionaria, Urbaser, os distintos modelos que substituirán aos actuais. Trátase de colectores de fabricación integramente galega, de imaxe similar e diferenciados pola cor das tapas segundo o tipo de residuos aos que están destinados (amarelo para os envases, azul para o papel e cartón, marrón para a materia orgánica e gris para os restos). Os recipientes presentáronse esta mañá cunha demostración do sistema de recollida de carga lateral que operará nas zonas urbanas, posto que no rural, con rueiros más estreitos, manterase o sistema de carga traseira con contedores de menor tamaño.
30.10.2023.- As melloras introducidas no servizo de recollida de lixo a través do novo contrato da concesionaria permitirá unificar a imaxe dos colectores en todo o municipio, así como axilizar e optimizar as labores de recollida. Segundo comentou o alcalde, Alberto Varela, os contedores distribuiranse por todo o municipio en forma de illas, de forma que nun mesmo punto se concentrarán recipientes para os distintos tipo de residuos. Con isto preténdese aportar maior comodidade ao cidadán, que non terá que desprazarse a diferentes puntos a depositar o lixo dependendo da súa composición.
Xunto cos contedores, tamén se adquiriron novos camións para a recollida, catro de gran capacidade e de carga lateral, e outros catro máis pequenos, de carga traseira, para o servizo no rural. O responsable de Urbaser explicou que, aparte de gañar en axilidade, os novos camións son máis silenciosos que os antigos. Á redución dos ruídos tamén contribúen os propios colectores, xa que as tapas abren por completo para facilitar o baleirado, o que non fai necesario sacudilos para que non queden restos no seu interior, como acontece ata o de agora e da pé a máis ruídos.
Ademais, trátase de contedores accesibles, adaptados a persoas con mobilidade reducida que teñen que desprazarse en cadeira de rodas, e mesmo para a poboación infantil. Para que todos eles poidan depositar o lixo comodamente, as bocas sitúanse a media altura, de xeito que sexa facilmente alcanzable.
Outra das avantaxas dos novos modelos son as súas formas redondeadas, que evitan que a sucidade se acumule nas esquinas xerando malos cheiros e facilitan a súa limpeza. Por último, optouse por colectores da menor altura posible para garantir unha maior visibilidade viaria, tanto dos vehículos como dos peóns á hora de atravesar as rúas.
O responsable de Urbaser explicou que o despregue dos novos colectores comezará de inmediato polas zonas urbanas e levarase a cabo de forma progresiva. Inicialmente colocaranse os depósitos grises para a recollida dos restos (o que habitualmente coñeciamos como o contedor verde do lixo convencional), os azuis para papel e os amarelos para envases. Os marróns para o depósito da fracción orgánica do lixo, os biorresiduos, colocaranse nunha fase posterior, despois da campaña informativa que realizará a empresa para explicar e promover o novo servizo que se implantará en dúas fases. A primeira destinada a grandes produtores (restaurantes, bares, supermercados, Praza de Abastos, tendas de alimentación, comedores escolares…) e unha segunda de extensión á poboación en xeral.
Esta é a última presentación do novo material incorporado aos servizos de limpeza viaria e recollida de lixo en Vilagarcía a través no novo contrato da concesión. A efectos de que a veciñanza coñeza as melloras a introducir e por transparencia en canto ao cumprimento das condicións da licitación, anteriormente xa se presentaran a nova maquinaria para a limpeza de praias, os equipos para roza de herbas das cunetas, os vehículos para a limpeza viaria e zonas peonís e os puntos limpos móbiles.