CULTURA
A Cantarela e o Concello danse a man para celebrar o 40 aniversario do Outono Micolóxico Co mes de novembro chega a Vilagarcía un dos eventos máis consolidados no calendario da cidade: o Outono Micolóxico, que este ano cumpre 40 anos. Todo un logro que a asociación organizadora, A Cantarela, e a Concellería de Cultura conmemorarán cunha serie de actividades entre as que non faltará ningún dos ingredientes principais desta cita –conferencias, exposicións, concursos e degustación popular - e ás que se suma unha mostra fotográfica para repasar as catro décadas de actividade dun dos colectivos máis senlleiros do municipio.
07.11.2023.- Unha representación da directiva de A Cantarela encabezada por Carlos Álvarez Puga xuntouse para presentar a programación da 40 edición do Outono nun acto celebrado no Concello e que presidiu a concelleira de Cultura, Sonia Outón. A edil agradeceulles a labor realizada nestas catro décadas, tanto no quen se refire ao ámbito da micoloxía, “algo que a maioría dos vilagarciáns coñecemos a través das súas actividades”, como no do asociacionismo ,“xa que A Cantarela, xunto co Cine Club Ádega, Clámide e o Coro Liceo son as entidades sociais e culturais más lonxevas da cidade e verdadeiros referentes para o resto de colectivos que se foron creando posteriormente”. Outón destacou o espírito ecoloxista de A Cantarela “cando apenas ninguén reparaba na necesidade de respectar e coidar a natureza e o medioambiente, aspectos dos que nos foron concienciando e educando a través das súas actividades”.
Pola súa banda, Carlos Puga, membro fundador do colectivo, explicou que o seu interese polos cogomelos espertouse tras unha estancia en Cataluña, rexión na que existía unha antiga tradición gastronómica sobre este produto. Pero non foi ata anos despois cando, xa en Vilagarcía, ocorréuselle afondar e divulgar o tema. Foi en 1979 e a raíz de coñecer a Enrique Valdés Bermejo, a Antón Patiño e a Aurelio Aguilar. Aproveitando os coñecementos científicos duns e os contactos co mundo académico doutros naceu o primeiro ciclo de conferencias, o xerme do Outono Micolóxico.
O voceiro da asociación agradeceu a colaboración que sempre tiveron por parte do Concello de Vilagarcía para organizar ano tras ano o programa de Outono, botando en falta “xa dende hai uns anos” o apoio da Xunta de Galicia e outras administracións.
Programación do 5 ao 26 de novembro
O programa deste ano ábrese o día 5 de novembro cunha saída a recoller cogomelos que se desenvolverá nos montes de Noia. A exposición de cogomelos abrirase o día 12 na Praza da Peixería e na xornada seguinte inaugurase oficialmente o Outono Micolóxico e a exposición conmemorativa do 40 aniversario.
O ciclo de conferencias desenvolverase no Auditorio na semana do 13 ao 16 de novembro e ás 20 horas. A primeira charla, a modo de iniciación á micoloxía, será impartida por Ramón C. Encisa, que informará aos presentes sobre os aspectos básicos que debe coñecer calquera persoa que queira ir ao monte a recoller cogomelos.
O naturista Santiago Corral intervirá o día 14 para falar sobre os cogomelos tóxicos que nos podemos atopar nos nosos montes. O día 15 celebrarase unha charla coloquio na que os integrantes de A Cantarela, Carlos Puga, Joaquín Rodríguez e Ramón C. Encisa, falarán sobre os 40 anos de micoloxía en Vilagarcía. O escenario muda para a xornada final, que se desenvolverá na Praza da Peixería, onde o cociñeiro e membro da Cantarela, Rubén García , alias Pachi, disertará sobre os cogomelos na cociña.
Vocación didáctica
Puga salientou a vocación didáctica que ten a asociación que, a maiores do ciclo de conferencias, tamén ofrece charlas aos centros educativos que acudan a visitar as exposicións e que están orientadas principalmente a escolares de 6º curso de Primaria.
O día grande do Outono, por canto que é o que máis xente reúne, será o domingo 19. Nesa xornada terá lugar a XXIX Festa Gastronómica dos Cogomelos. Aínda que os pucheiros nos que se preparan as distintas receitas a base dos saborosos fungos botarán fume dende horas antes, as portas da Praza da Peixería abriranse ás 12.00 para comezar coa degustación. A tapa venderase a 7 euros.
No transcurso da festa gastronómica tamén se desenvolverá o XXXVIII Concurso de Cociña con Cogomelos, cuxas bases se poden consultar na web http://www.cantarela.org
Por último, a xornada de clausura do 40 Outono Micolóxico terá lugar o día 24 de novembro no Auditorio, onde se proxectará un audiovisual no que se resume o evento do ano pasado e as saídas de primavera deste 2023. Tamén nese acto farase entrega dos premios dos concursos gastronómicos e de fotografía, así como dos certames escolares de debuxo e de maquetas.
E como fin de festa, os membros de A Cantarela e todos os que desexen acompañalos poderán gozar do Xantar Micolóxico que se desenvolverá o domingo 26 de novembro no restaurante Ciprés. O prezo do prato é de 40 euros para socios e 50 para o resto dos asistentes. As entradas poderanse adquirir do 13 ao 16 de novembro no Auditorio, coincidindo co horario das charlas.