EDUCACIÓN
A Xunta supedita á entrada en vigor dos orzamentos de 2024 a posta en marcha do comedor escolar do Arealonga A concelleira de Educación, Paola María, a directora do colexio Arealonga e a presidenta da ANPA reuníronse hoxe en Pontevedra co xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez, co obxectivo de xestionar a posta en marcha dun comedor escolar no centro educativo. O responsable da Xunta explicou que a apertura do servizo en xaneiro non será posible, xa que a falta de fondos obriga a esperar á entrada en vigor dos Orzamentos da Xunta para 2024. En vista da situación e aínda coa dificultade que supón ter o exercicio económico a piques de pecharse e coas partidas municipais practicamente esgotadas, o Concello estudará a viabilidade de colaborar no financiamento.
08.11.2023.- A delegación vilagarciá recoñeceu a boa disposición amosada por Pérez Ares para atender a petición do colexio Arealonga, aínda que non nos prazos que desexaban as familias e a propia dirección do centro, que esperaban dispor do servizo a principios de ano co obxectivo de cubrir a demanda existente e atraer novo alumnado durante o período de matriculación que se abre en marzo.
O xefe territorial comentou que podería dispoñer de fondos para adquirir o mobiliario (mesas, cadeiras e utensilios), pero non para a construción do mesado necesario para que o servizo de cátering organice e serva as comidas nas condicións que establecen os requisitos sanitarios e que son imprescindibles para que o comedor poida funcionar. Para poder acometer este segundo investimento tería que esperarse ao novo orzamento, co que o servizo non podería prestarse ata ben entrada a primavera e xa co final de curso moi próximo.
Aínda por valorar o custe do mesado, esta sería a parte que o Concello vai comprobar si pode asumir pese a tratarse, outra vez, dunha competencia autonómica. De non ser posible, segundo o compromiso de César Pérez, o colexio Arealonga disporá igualmente de comedor, aínda que máis tarde, asegurando tamén que a Consellería o integraría na rede pública de comedores escolares da Xunta de cara ao inicio do novo curso, en setembro.
Reforma integral do ximnasio e pavimento do pavillón de Carril
Paola María aproveitou a reunión co responsable autonómico de Educación para expoñerlle o mal estado no que se atopa o ximnasio do colexio Arealonga, que precisaría dunha reforma integral. Para avaliar o estado das instalacións, o xefe territorial comprometeuse a enviar aos seus técnicos a vindeira semana, así como para revisar o estado do pavimento do pavillón de deportes do IES de O Carril. Ao igual que o comedor, estas dúas actuacións serían investimentos cuxa competencia correspondería integramente á Xunta de Galicia.