PATRIMONIO
As actuacións de conservación da arquitectura tradicional continúan coa restauración do lavadoiro de Vilaxoán O Concello de Vilagarcía continúa co plan de conservación e posta en valor do patrimonio local, neste caso cunha nova actuación para preservar elementos da arquitectura tradicional popular. Tras rematar a limpeza da Fonte de Castroagudín, o goberno local vén de adxudicar o proxecto de restauración do lavadoiro público de Vilaxoán. Cun orzamento de 4.500 euros, será a restauradora Iria López a encargada de executar a intervención coa que o goberno atende unha petición trasladada pola veciñanza do lugar.
13.11.2023.- Os traballos, que contan co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio, teñen como obxectivo resolver as deficiencias que presenta na actualidade o conxunto. Centraranse en garantir a estanquidade do vaso, xa que o principal problema que rexistra é a perda de auga. Esta situación afea a imaxe do lavadoiro ao presentar unha pía baleira e, pola contra, a zona de estancia das persoas totalmente encharcada.
A intervención comezará cunha limpeza xeral da construción, retirando as plantas, entullos e lodos acumulados. A continuación arranxaranse a esclusa e a canle de evacuación, e por último illaranse e selaranse as distintas zonas do lavadoiro.
A obra ten un prazo de execución de tres semanas.
Reconstrución da cuberta con tella do país
Esta non é a primeira mellora realizada no lavadoiro de Vilaxoán nos últimos tempos. Hai cinco anos levouse a cabo a retirada das pranchas de fibrocemento que formaban a cuberta nas últimas décadas e reconstruíuse usando tella curva de cerámica, o material que tradicionalmente se utilizaba nestas construcións. Deste xeito recuperouse a imaxe orixinal do conxunto incluído no Catálogo Municipal de Bens a Protexer.