CONCELLO
A Rede de Cidades Saudables entrega en Madrid o Premio de Calidade aos camiños escolares seguros de Vilagarcía O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, desprázase mañá a Madrid para recoller o premio outorgado pola Rede Española de Cidades Saudables (RECS) a Vilagarcía polo proxecto dos camiños escolares seguros. O galardón concédese na categoría de “Fomento dun desenvolvemento urbano saudable e sostible” para cidades de máis de 20.000 habitantes e no marco dos IV Premios de Calidade convocados pola Federación Española de Municipios e Provincias e o Ministerio de Sanidade a través da RECS. A entrega celebrarase no transcurso do acto oficial que terá lugar no Círculo de Bellas Artes.
16.11.2023.- Xunto co Concello de Vilagarcía, as outras entidades locais galardoadas nas diferentes categorías son Bilbao e Jerez de la Frontera, no apartado de cidades de máis de 20.000 habitantes, e Utebo (Zaragoza), Candeleda (Ávila) e Miajadas (Cáceres), no de poboación inferior.
A actuación pola que se premia a Vilagarcía é a do primeiro dos camiños escolares seguros postos en marcha polo goberno local no municipio: o desenvolvido en torno ao complexo educativo da Lomba-Matosinhos, no que se emprazan catro centros escolares aos que acoden a diario preto de mil nenos e nenas. A iniciativa consistiu na realización dunha importante obra civil que, ademais de garantir a accesibilidade e mobilidade na zona, dotou ás infraestruturas dos medios necesarios para que os peóns e as bicicletas poidan transitar de forma segura e se afiancen como medio alternativo aos vehículos a motor, especialmente aos particulares. Xunto a isto, en colaboración con Stop Accidentes e implicando á comunidade educativa e á poboación, realizouse o programa Vaischool!, que fomenta os desprazamentos a pé para ir ao colexio a través de rutas sinalizadas e de forma colaborativa, potenciando tamén o sentimento de comunidade e promovendo a autonomía persoal e o desenvolvemento dos nenos e nenas.
Este recoñecemento aos camiños escolares seguros pon en valor o proxecto e anima a continuar traballando neste sentido, medida que o goberno local xa tiña previsto e na que a Concellería de Mobilidade leva tempo traballando. De feito, está a piques de presentarse o segundo dos proxectos, o correspondente aos colexios Anexo A Lomba e A Escardia, e a intención e estendelo aos restantes. Este novo recoñecemento para o modelo de cidade que se está a desenvolver en Vilagarcía nos últimos nove anos súmase aos dous concedidos anteriormente pola Rede de Cidades que Camiñan -pola estratexia local para promover a mobilidade sostible no municipio e pola humanización de Arcebispo Lago-, así o Premio Bikefriendly entregado pola Rede de Cidades pola Bicicleta pola labor educativa e de promoción do uso deste medio de transporte alternativo.