CONCELLO
O Concello destina 46.500 euros a arranxar cinco camiños do rural levantados polas raíces das árbores O Concello de Vilagarcía executará nas vindeiras semanas un plan de reparación do firme de vías da contorna rural levantadas polas raíces das árbores. A medida foi anunciada esta mañá polo alcalde, Alberto Varela, no transcurso da visita que realizou para comprobar o resultado dos traballos de limpeza e restauración levados a cabo polo Concello na Fonte de Castroagudín. O rexedor explicou que tanto o arranxo das estradas danadas polas árbores como a actuación da fonte foron medidas demandadas pola veciñanza e que o goberno vai atendendo de forma progresiva.
17.11.2023.- A reparación das vías afectadas pola acción das raíces adxudicouse esta mesma semana á firma Microasfalt por importe de 46.453 euros e un prazo de execución de un mes. O proxecto recolle varios puntos dun total de seis camiños rurais, en función das peticións trasladadas polos veciños das devanditas zonas. Son a rúa Berdón, na Torre; as rúas Aralde e Galáns; a rúa Piñeiro de Arriba, en Sobrán; a rúa Soutelo, en Rubiáns, e a rúa Muiño Novo, en A Laxe.
Varela apuntou que este plan pretende resolver os problemas de accesibilidade e seguridade viaria que representan estas zonas da calzada levantadas ou fendidas e que representan un perigo para a circulación, e aí que sexan moi necesarias. Neste mesmo sentido referiuse ao outro plan que se vai poñer en marcha tamén de forma inmediata, o de instalación de medidas redutoras de velocidade noutros 13 camiños da contorna rural, e ao que se destinan 47.000 euros máis. “Trátase de actuacións demandadas polos cidadáns, necesarias e das que depende a seguridade viaria, por iso non entendemos que o Partido Popular non apoiara o reparto dos remanentes cos que se financian estas e outras moitas obras. E o peor é que despois atrévense a denunciar o mal estado desas vías cuxa reparación eles non respaldaron”.
En canto á limpeza da Fonte de Castroagudín, Varela e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, acompañados dun representante da asociación de veciños e a restauradora Iria López, responsable dos traballos, comprobaron o bo estado no que quedou o elemento tras os traballos aos que o Concello destinou 8.000 euros. “Sabemos que esta fonte é un elemento do patrimonio de Castroagudín moi representativo e querido pola veciñanza que se abastece da súa auga a diario, como estamos comprobando, e que ten un valor artístico e histórico innegable que queremos preservar”.
O rexedor comentou que no marco da liña de conservación e mantemento do patrimonio tradicional, en poucos días comezará a restauración e arranxo do lavadoiro público de Vilaxoán. Ademais, Varela Paz comprometeuse a incluír nos orzame6tnops de 2024 os fondos necesarios para restaurar a Fonte dos Arcabuceiros de Cea, outro conxunto de elevado valor artístico e histórico.