CULTURA
A orixinal proposta de “Bueno Carallo Bueno” inaugura a tempada de exposicións na sala Rivas Briones A sala municipal Antón Rivas Briones acolle a partir de hoxe a primeira exposición do ano. Trátase de “Bueno Carallo Bueno”, a orixinal proposta pictórica-poética que presentan o artista José Freixanes e o escritor e xornalista Alberto Avendaño. A mostra, que xurde do libro do mesmo título no que os dous creadores plasmaron a súa primeira colaboración, inaugúrase ás 19.30 horas de esta tarde e poderá visitarse ata o 25 de febreiro, de luns a sábado de 10:30 a 13:30 horas e de 18:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.
19.01.2024.- A exposición “Bueno Carallo Bueno” consta de 39 pinturas de distintos formatos e técnicas do artista plástico, ás que acompañan a poesía de Avendaño, inspirada na tradición xaponesa, pois estrutura os seus versos en haikus e tankas propios da cultura nipona.
José Freixanes (Pontevedra, 1953) é membro do Grupo Atlántica e na actualidade imparte clases na Facultade de Belas Artes de Granada. Pola súa banda, Alberto Avendaño (Vigo, 1957) é un escritor e recoñecido xornalista, membro fundador do Colectivo de Comunicación Poética Rompente. Afincado en Vilagarcía dende hai uns anos, foi profesor da John Hopkins University e director da edición en español do xornal The Washington Post. Recentemente foi nomeado membro numerario da Academia Norteamericana de la Lengua Española.