FESTAS
A Festa dos Maios quenta motores coa apertura do prazo de inscrición Cando queda pouco máis dun mes para o 1 de maio, a Concellería de Cultura de Vilagarcía xa puxo a maquinaria a andar para organizar a tradicional Festa dos Maios. O departamento que dirixe Sonia Outón abre hoxe, 25 de marzo, o prazo para que as persoas que desexen participar nesta celebración se anoten en calquera das modalidades do certame. Para fomentar a participación e contribuír á conservación desta festa popular tan arraigada en Galicia, a Concellería agasallará a todos os participantes con rosca e unha achega económica.
25.03.2024.- Os maios poden presentarse nas cinco tipoloxías previstas: cónicos, artísticos, cruz de maio, caixa e barco, e os interesados poden participar individualmente ou en grupo presentando unicamente o traballo floral ou acompañándoo coa interpretación das cantigas satíricas típicas tamén desta festa. Co obxecto de ser fieis ás orixes da celebración de inicio da primavera e para manter os criterios de sustentabilidade, recoméndase a utilización de materiais naturais e tradicionais na confección dos maios e que se evite o uso de elementos plásticos ou metálicos.
A convocatoria está aberta a unidades familiares, colectivos (asociacións culturais, de mulleres rurais ou veciñais) e centros educativos, aínda que neste último caso só se pode inscribir ou ben a ANPA, ou ben a dirección do centro. En todos os casos, só se poderá presentar un maio por cada modalidade. Aqueles que presenten as súas composicións acompañadas dunha letriña, deberán achegar copia antes do 1 de maio.
Todos os participantes recibirán rosca, e a suma das axudas en metálico oscilarán entre os 30 e os 150 euros en función do número de integrantes do grupo e de si interpretarán ou non coplas. Non se prevé achega económica para as cruces de maio, caixas e barcos que non aporten coplas e conten con menos de 4 persoas.
A Festa dos Maios celebrarase o mércores 1 de maio no Parque de Miguel Hernández, a partir das 11:30 horas da mañá, coa exposición dos traballos florais e a interpretación das cantigas satíricas. Os maios deben permanecer expostos ata as 20:30. En caso de choiva, a celebración trasladaríase á Praza da Peixería.
As bases que regulan o certame e nas que se especifican os premios e os requisitos a cumprir polos participantes pódense consultar no taboleiro de anuncios da web municipal http://www.vilagarcia.gal e na sede@vilagarcia.gal . Nestes mesmos espazos estará dispoñible o formulario para inscribirse. Este, debidamente cuberto, terá que entregarse na Concellería de Cultura (sita no Auditorio) de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 horas. O prazo de inscrición péchase ás 13 horas do 15 de abril.