COMERCIO E INDUSTRIA
Promoción Económica organiza un curso de inglés básico para titulares de negocios en zonas comerciais A Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía organiza un curso básico de inglés destinado aos titulares de negocios en zonas comerciais do municipio. A actividade ten como obxectivo proporcionar aos asistentes os coñecementos básicos para prestar atención á clientela estranxeira, unha ferramenta de especial interese en zonas turísticas como é Vilagarcía. A participación no curso é de balde para os asistentes, que poderán anotarse ou solicitar información a través do correo electrónico tle@vilagarcia.gal ou do teléfono 986 099 200 extensión 218.
14.05.2024.- O departamento que dirixe Álvaro Carou pon en marcha esta iniciativa coa finalidade de continuar ofrendo aos sectores produtivos da cidade as ferramentas necesarias para elevar a súa competitividade, modernizarse e mellorar a prestación dos seus servizos e o trato coa clientela. Para facilitar a asistencia, as clases adaptaranse aos horarios laborais dos participantes, de xeito que sexan compatibles; e os contidos, ás características dos seus respectivos negocios. As sesións serán fundamentalmente prácticas, enfocadas nas expresións máis comúns e cotiás na atención ao cliente. O número de participantes por cada establecemento non ten restrición.
O curso está cofinanciado polo Ministerio de Economía, Comercio e Empresa a través dos fondos europeos Nex Generation destinados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia na súa liña de axudas a mercados sostibles.