DEPORTE
A Fundación abre o prazo de inscrición nas actividades deportivas de verán infantís e para adultos A Fundación de Servizos Deportivos do Concello de Vilagarcía vén de abrir o prazo para anotarse nas actividades de verán, tanto as dirixidas ao público infantil (a Escola Multideportiva e as catro Escolas Náuticas), como as destinadas aos adultos (programas Vilagarcía en Forma e Activo MAIORmente). Os interesados deben formalizar a inscrición a través do apartado da Fundación na sede electrónica do Concello (sede.vilagarcia.gal). A cota a abonar é de 12 ou 18 euros, dependendo da actividade.
06.06.2024.- As persoas maiores de 65 anos poderán participar no programa Activo MAIORmente, que busca contribuír ao mantemento da condición física e cognitiva dos asistentes a través de exercicios de ximnasia funcional, dirixidos e controlados por monitores, e que se desenvolverán ao aire libre. Inclúense prácticas de ioga e pilates adaptadas á terceira idade, sesións de estiramentos e relaxación, andainas saudables, xogos tradicionais e encontros interxeracionais. O programa desenvolverase do 2 de xullo ao 22 de agosto, os martes e xoves, con sesións ás 10 e ás 11 horas. A cota é de 18 euros.
O programa Vilagarcía en Forma diríxese ás persoas autónomas que desexan manter a súa condición física en xeral, así como o benestar psíquico a través da realización de actividade deportiva. As sesións impartiranse do 1 de xullo ao 21 de agosto, os luns e os mércores, ás 9 e ás 10 horas. O prezo é de 18 euros.
A Escola Multideportiva de Verán ten como destinatarios os nenos e as nenas nados entre os anos 2010 e 2017. Centrarase na iniciación e formación dos asistentes na actividade deportiva dende o ámbito lúdico e educativo tendo en conta as etapas evolutivas dos participantes. Desenvolveranse de luns a venres, en horario de 10 a 13 horas, en xullo e agosto. A cota de inscrición é de 12 euros por un mes e de 18 polos dous.
O prazo de inscrición nas tres actividades mencionadas remata o día 25 de xuño.
170 prazas para iniciarse nos deportes náuticos
Como en edicións anteriores, a oferta deportiva para a mocidade complétase coas Escolas Náuticas de Verán destinadas á rapazada nada entre os anos 2008 e 2016 e co requisito obrigatorio de que saiban nadar. En total ofértanse 170 prazas a distribuír entre as catro especialidades a impartir en colaboración cos clubs deportivos do municipio (vela, remo, salvamento e piragüismo). A cota para cada escola é de 12 euros.
A Escola de Vela disporá de 80 prazas a distribuír en dous grupos. Desenvolverase do 24 ao 28 de xuño cun grupo de mañá (de 10.30 a 13.30 horas) e outro de tarde (de 16 a 19 horas). A Escola de Salvamento disporá de 30 prazas e realizarase do 24 ao 31 de xullo, os luns e mércores, en horario de 11 a 13 horas. E a de Piragüismo, tamén con 30 prazas, impartirase os martes e xoves comprendidos entre o 24 de xuño e o 30 de xullo, en horario de mañá.
Nestas tres actividades, o prazo de inscrición remata o día 20 de xuño.
Por último, a Escola de Remo desenvolverase do 1 de xullo ao 23 de agosto, de luns a xoves e con horario de 11 a 13 horas. Tamén poderán participar 30 nenos e nenas e o prazo de inscrición prolóngase ata o 25 de xuño.
O proxecto deportivo de verán da Fundación complétase con XXII Torneo de Tenis. Poderán participar tenistas afeccionados nas categorías de 8 a 12 anos, de 13 a 17, absoluta masculina e feminina e veteranos/as (nados en 1973 e anos anteriores). A inscrición é de balde e o prazo para anotarse ábrese o 17 de xuño e rematará o 1 de xullo.