DEPORTE
O pavillón de deportes de Fontecarmoa volverá a estar operativo para os clubs no mes de agosto A obra de reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa estará completamente rematada a finais do mes de xullo. Así o aseguraron esta mañá o director de obra e os responsables da adxudicataria durante á visita realizada polo alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Deportes, Carlos Coira, para facer seguimento dos traballos nos que se invisten algo máis de 2 millóns de euros. Con este prazo marcado, a previsión é que o pavillón, totalmente acondicionado, modernizado e en perfectas condicións para o seu uso, xa estea operativo no mes de agosto para volver a acoller a actividade dos clubs e todo tipo de eventos deportivos.
12.06.2024.- A reforma integral da infraestrutura deportiva entra no tramo final ao terse rematado o cambio da cuberta, a instalación eléctricas e o sistema de climatización, tanto da cancha como dos vestiarios, aseos, ximnasio e resto das dependencias. Estes traballos foron os máis complexos e os que requiriron máis tempo, a maiores do que levou a desmontaxe do parqué da cancha e o acondicionamento da estrutura da cuberta. A partir de agora, o proxecto se desenvolverá dun xeito moito máis rápido. De feito, as obras de acondicionamento interior están xa avanzadas e no exterior estase rematando a colocación da estrutura sobre a que se fixará novo revestimento das fachadas, labor que tamén se executará de forma moi áxil ao tratarse simplemente de ir colocando os paneis.
O que xa está totalmente listo é o sistema fotovoltaico consistente nun parque de placas solares coas que se xerará enerxía eléctrica para abastecer á propia instalación deportiva, converténdoa nun edificio sostible e eficiente enerxeticamente. Precisamente por cumprir estes obxectivos de sustentabilidade, esta parte da obra financiouse con fondos europeos.