_ Buzón do Alcalde Trámites Administrativos Turismo Enlaces
4O CONCELLO
:VILAGARCÍA TURISMO:
_LA CIUDAD
_THE CITY
voluntariadogalego.org
voluntariadogalego.org
CONCELLO
As viaxes no tempo, no espazo e na memoria fan escala nunha cidade de libro que recibe a Javier Sierra e a Manel Loureiro

A xornada do sábado no Vilagarcia, Cidade de Libro dedícase ás “Viaxes literarias”. As presentacións de libros, os espectáculos, os encontros con escritores… todas as actividades do día convidarán aos presentes a viaxar no tempo, no espazo e na memoria a través da literatura e da banda deseñada. No apartado das Conversas ao Solpor contarase coa presenza de Javier Sierra e Manuel Loureiro que, xunto con Laura Portas, tamén estarán nas casetas de firmas do Parque Miguel Hernández. No apartado de novela gráfica presentarase “Cinza”, de Manel Cráneo. Ademais, a libraría Metrópolis Cómics Vilagarcía pon en marcha unha iniciativa solidaria a favor da Protectora de Animais a través dun Quizz sobre mascotas famosas.
14.06.2024.- A axenda do Cidade de Libro cambia durante a fin de semana. Os xogos literarios para os grupos dos centros escolares do Literatour deixan paso ao espazo de venta e exposición de libros, que amplía horario o sábado e o domingo, abrindo tamén pola mañá, de 11.30 a 13.30 horas.

As actividades de dinamización tamén comezarán a mediodía coa sesión de monicreques “Camiño de Aventuras”. Títeres Cachirulo relata nesta historia, ambientada hai cincocentos anos, como, nun lugar do Camiño de Santiago, Gaiferos se atopa co Demo, que o desafía a xogar ao xogo da Oca.

Xa pola tarde, ás 18.00 horas, a Cidade de Libro recibirá a Francisco Xosé Fernández Naval para presentar a súa obra “Ser Cetáceo. O fascinante inverno de animal de fondo”. Á mesma hora, pero no Recuncho dos Contos, Carmen Domech agasallará aos presentes con “As viaxes das palabras”, un percorrido por historias como a do libro “Onde viven os monstros”, de Maurice Sendak, ou o “Adios ríos”, de Rosalía de Castro.

O escenario infantil acollerá a partir das 19.00 horas o espectáculo de Bandullo Azul “Vicki e a felicidade”, unha historia que busca mellorar as nosas vidas e a das persoas que nos rodean a través da empatía, a igualdade e os coidados. Trátase dunha actividade financiada por Cultura no Camiño.

Ás 19.00 horas comezarán as sesións de firmas de Manel Loureiro e Javier Sierra na caseta da Cidade de Libro, e de Laura Portas, que presenta o seu libro “El baile de las mareas”, no stand do Espazo Lector Nobel Arousa.

O sábado pecharase, como de costume, coa Conversa ao Solpor na que mañá intervirán Javier Sierra e Manuel Loureiro. Escusou a súa presenza Ulises Bertolo, que non poderá acudir á cita por motivos persoais de última hora. Dado o coñecemento de Sierra sobre a tradición Xacobea e o Camiño de Santiago, temas que abordou nalgunhas das súas novelas, e tamén en series documentais, a sesión contará coa introdución de Javier Sánchez-Agustino, presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla. Moderará a conversa a xornalista Susana Pedreira.

Entre as actividades que se están a desenvolver no Vilagarcía, Cidade de Libro estes días está a iniciativa solidaria que promove a libraría Metrópolis Cómics para colaborar coa Protectora de Animais de Vilagarcía. A través dun quizz online sobre o que os participantes poderán coñecer os seus coñecementos sobra mascotas famosas que aparecen en diferentes bandas deseñadas, invitan a facer donativos para a Protectora (xoguetes, comida, latas ou todo tipo de produtos para os animais). As persoas que participen no quizz e fagan algún donativo entrarán no sorteo dun vale de 75 euros para compras na libraría. O prazo para xogar remata o 29 de xuño. A concellería de Xuventude colabora aportando o premio. O quizz está dispoñible no enlace https://cutt.Iy/qeo3vkf9

RESEÑAS DE AUTORES

JAVIER SIERRA (Teruel, 1971). Escritor e xornalista Licenciado na Universidad Complutense de Madrid. Gañou o Premio Planeta de novela 2017 por “El fuego invisible”. É un dos contados escritores españois que entraron na lista do The New York Times sobre os autores máis vendidos de Estados Unidos. Conseguiuno en 2006 con “La cena secreta”, acadando o posto número 6. Esta novela, finalista do Premio de Novela Ciudad de Torrevieja, editouse en 42 países, sendo o segundo español contemporáneo máis traducido, segundo Index Translationum. Foi un dos fundadores da revista Año Cero, traballou como redactor do programa de Telecinco Otra Dimensión e foi colaborador de varios programas de televisión e de radio. A súa última novela é “El mensaje de Pandora”.

MANEL LOUREIRO (Pontevedra, 1975) é escritor, avogado e presentador, e ademais traballou como guionista en numerosos proxectos. Na actualidade colabora como articulista en diversos medios de prensa escrita de ámbito nacional, así como en diferentes radios e canles de televisión.
A súa primeira novela, “Apocalipsis Z. El principio del fin”, comezou como un blog en internet que escribía nos seus ratos libres. O blog transformouse nun fenómeno viral con máis de un millón e medio de lectores online, e a novela publicouse en 2007. Converteuse nun bestseller, cuxa adaptación cinematográfica verá a luz proximamente. As súas seguintes obras, “Los días oscuros”, “La ira de los justos”, “El último pasajero”, “Fulgor”, “Veinte” e “La Puerta”, foron éxitos de ventas, tanto no panorama literario español coma no internacional. Manel Loureiro é un dos poucos autores españois contemporáneos que conseguiron situar os seus libros na lista dos máis vendidos de Estados Unidos. En 2022 publicou “La ladrona de huesos”, unha impactante novela de ritmo frenético e xiros inesperados coa que volveu cativar a milleiros de lectores de todo o mundo.

MANEL CRÁNEO (A Coruña. 19073). Debuxante, ilustrador, cartelista, editor, músico… Como autor de cómic, centos de páxinas súas teñen aparecido en publicacións como BD Banda, Barsowia, Dos Veces Breve, GPS, Ovo, Costra de Postre, Os Rústicos da Guadaña, Bravú, Subterfuge Comics, Interea Visual, Boletín Galego de Literatura, Caña, Viralatas ou Golfiño. Colaborou en volumes colectivos como Fito y Fitipaldis (Dro Eastwest), Artículo 20 (Astiberri) ou H2OIL (Colectivo Chapapote). Publicou os álbums “Dámsmitt” (Dibbuks, 2006, con guión de Kike Benlloch), “Os lobos de Moeche” (Demo Editorial, 2009), “Cousas de mortos” (Demo Editorial, 2012), “A Fraga Milmañas” (Demo Editorial, 2013, con guión de Carlos Amil) e “Destino Hërgüss” (Demo Editorial, 2015, dentro do universo do Planeta Mincha). A súa banda deseñada “Ladróns de cadáveres” foi adaptada como curtametraxe, e foi producido tamén un capítulo piloto de serie de animación baseado no universo de “Planeta Mincha”. A súa obra ten sido exposta en numerosas mostras por España, Portugal, Francia e Cuba. Entre os seus premios destaca o Nacional de Cómic sobre Vida e Obra de García Lorca (Granada, 1998). En 2023, publicou unha banda deseñada sobre o clásico da literatura galega “A nosa Cinza”, de Xaviel Alcalá.

FRANCISCO X. NAVAL (Ourense 1956). Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación. Poeta e narrador, traballa os variados ámbitos da escrita: novela, relato, poesía, literatura infantil e xuvenil, ensaio, teatro e literatura da natureza e de viaxes. Tamén escribe guións de cine e televisión e artigos en publicacións colectivas, xornais e revistas galegas, españolas, portuguesas e americanas.
En 1980, co seu primeiro libro de poemas, “A fonte abagañada”, gañou o premio de poesía Cidade de Ourense e en 1988 e, coa primeira novela, “O bosque das antas”, recibiu o premio Xerais. Dedicou dous ensaios a análise da figura de Julio Cortázar e a súa relación con Galicia, gañando o premio Ánxel Casal do ano 2014 co segundo.
A novela “A noite branca” recibiu o premio Irmandade do Libro ao mellor libro galego de 2012 e “Os contos da avoa Pepa” o de mellor libro infantil de 2018.

LAURA PORTAS (Cambados, 1992) é graduada en Periodismo pola Universidad Complutense de Madrid e ten un máster de xornalismo en televisión pola Universidad Nebrija e outro en comunicación corporativa pola Escuela de Negocios Europea de Barcelona. A súa traxectoria profesional estivo vinculada sobre todo aos medios de comunicación. Colaborou como reporteira en Informativos Telecinco e outros programas da cadea, ademais de en Antena 3 Noticias. Actualmente traballa no ámbito institucional, nun gabinete de comunicación. “El baile de las mareas” é a súa primeira novela.

4Participación CIDADÁ
_Escribe o teu ALCALDE
_Regulamento de Particip.
_Queixas e Suxestións
Trámites Administrativos
  Municipais / No Municipais
»
4DÍA A DÍA
    Jun 2024  
L
M
X
J
V
S
D
         
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
Congreso Vai de Rúas 2022
P.X.O.M.
voluntariadogalego.org


[Inicio] [Información Turistica] [Trámites Administrativos] [Ordenanzas] [Taboleiro de anuncios] [Buzón de Suxestións]
[Novas Concello] [Axenda Cultural] [Revista Municipal] [Plan Xeral de Urbanismo] [Vilagarcía en cifras]
[Gabinete de Comunicación] [Postales] [Mapa e Rueiro] [Enlaces] [Contacto]

© 2024. Concello de Vilagarcía de Arousa
Praza Ravella, n° 1. 36000 - Vilagarcía de Arousa
- Aviso Legal - Créditos -