MEDIO AMBIENTE
A bandeira azul luce xa en Bamio e a Compostela deberá esperar ao remate das obras A praia marítimo-fluvial de Campanario-Bamio luce dende hoxe coa Bandeira Azul que acredita a calidade das súas augas e servizos, incluído o de socorrismo, que é unha das obrigas da bandeira. No acto, a media mañá, participou o alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Medioambiente, Diego García.
06.07.2024. A praia da Compostela tamén conta co mesmo distintivo, pero o seu izado, por norma, deberá esperar a que rematen as obras que nestes momentos está desenvolvendo Costas a través da empresa Tragsa. Se non xorden contratempos, a bandeira da Compostela ondeará a mediados de agosto.
Na súa visita a Bamio, o alcalde comentou que as bandeiras son un referendo á política medioambiental do concello e subliñou o seu compromiso de seguir traballando co obxectivo de que o areal do Preguntoiro, en Vilaxoán, recupere máis pronto que tarde a súa distinción.