CONCELLO
A Xunta Local de Seguridade de Vilagarcía reúnese para coordinar o operativo para a Festa da Auga A Xunta Local de Seguridade do Concello de Vilagarcía celebrou esta mañá a súa reunión anual para organizar o dispositivo de seguridade e emerxencias de cara á multitudinaria Festa da Auga e ás celebracións da madrugada anterior. Copresidida polo alcalde, Alberto Varela, e a subdelegada do goberno accidental, María Isabel Alonso, na reunión participaron a concelleira de Seguridade Cidadá e Sanidade, Tania García, así como os responsables da Policía Nacional provincial e local, da Garda Civil, da Policía Local, do Servizo Municipal de Emerxencias, do Sergas e do CIM.
08.08.2024.- Na xuntanza puxéronse sobre a mesa as necesidades existentes nunha das xornadas festivas que máis cantidade de xente reúne en Vilagarcía durante San Roque e que, debido as peculiaridades da propia Festa da Auga, e sobre todo, polas celebracións da noite e madrugada anteriores, soe rexistrar incidencias para as que é necesario contar cos medios preventivos e de atención necesarios, tanto a nivel de seguridade cidadá como sanitaria. Ademais, o encontro serviu para coordinar as actuacións e a colaboración entre os distintos actores implicados no operativo.
Respecto á atención sanitaria, despois do accidente acontecido hai dous días no que volveu a poñerse en evidencia a necesidade de que Vilagarcía recupere a ambulancia medicalizada durante todo o ano -como xa se ten reivindicado en numerosas ocasións dende o Concello-, o alcalde aproveitou para comentar que demandará ao conselleiro de Sanidade que, cando menos, envíe un destes equipamentos para atender as emerxencias que se poidan producir dende a noite do día 15 ata a tarde do 16 de agosto. Varela explicou que, aínda que o Concello contratará unha ambulancia medicalizada para ese día, precísase que o Sergas envíe outra para garantir a axeitada atención nun evento que reúne a milleiros de persoas na cidade. A maiores, o Concello contará coa ambulancia asistencial (non medicalizada) da agrupación de Protección Civil, e o Servizo Municipal de Emerxencias habilitará un hospital de campaña na Praza da Peixería.
O dispositivo sanitario compleméntase co reforzo do persoal médico nas emerxencias do PAC de San Roque e do Hospital Comarcal do Salnés.
No que se refire ao ámbito da seguridade cidadá, tanto a Policía Nacional como a Local realizarán un esforzo especial para mobilizar a todo o persoal dispoñible. No caso do corpo nacional, derivando axentes doutras prazas e en función dos numerosos eventos que coinciden na xeografía galega nestas datas.
Pola súa banda, a Garda Civil volverá a encargarse de velar pola seguridade viaria realizando controis de alcohol e drogas nos accesos principais á cidade. A maiores, e como ven sendo habitual dende hai xa anos, o CIM de Vilagarcía habilitará un Punto Lila para ofrecer información e asesoramento e para unha primeira atención en casos de violencia machistas ou agresións de tipo sexual. Estará instalado na explanada do Auditorio e funcionará dende a media noite do día 15 ata as 8 da mañá do 16.