CONCELLO
Urbaser asume a limpeza do día Festa da Auga cun dispositivo que implica a 72 persoas e diversa maquinaria Dando cumprimento ao novo contrato do servizo, a empresa concesionaria da limpeza viaria e recollida de lixo en Vilagarcía, Urbaser, asumirá este ano na súa totalidade as labores de limpeza o día da Festa da Auga. Para o desenvolvemento do dispositivo especial deseñado para unha xornada de celebracións multitudinarias a pé de rúa, a empresa mobilizará a 72 persoas e unha importante dotación de vehículos e maquinaria, que traballarán en tres quendas dende as 7 da mañá do 16 de agosto ata as 4 horas do día 17 a efectos de que Vilagarcía presente a súa mellor imaxe durante os actos festivos e de que cidadáns e visitantes poidan gozar deles en óptimas condicións.
15.08.2024.- Para o desenvolvemento das labores de recollida de lixo e limpeza viaria, ademais do persoal comentado, disporase de camións colectores, varredoras, camións cisterna, vehículos lixeiros e lavabeirarrúas. A primeira queda de traballo desenvolverase entre as 7 da mañá e as 15 horas e centrarase na recollida de lixo e limpeza da zona das praias da Concha-Compostela, o paseo marítimo, a TIR e zonas da contorna, así como nas rúas polas que se trasladará a imaxe de San Roque antes da Festa da Auga. Tamén nesta quenda de mañá se levará a cabo unha recollida de lixo, tanto da fracción de resto como de envases lixeiros, papel e cartón.
Durante a quenda de tarde, entre as 15 e as 20 horas, levarase a cabo a limpeza dos Parques Miguel Hernández e Centenario e, de novo, do caso urbano, centrándose nas rúas da zona húmida e polas que discorrerá a procesión relixiosa da tarde.Tamén nesta quenda se efectuará unha recollida de envases lixeiros, papel e resto polo centro urbano e zonas da contorna.
Co centro da cidade xa perfectamente acondicionado, a quenda de noite prolongarase dende as 23 horas ata as 4 da madrugada e consistirá nun servizo exclusivo de recollida de lixo da fracción de resto (o contedor verde convencional) en toda a zona urbana e no rural.