_ Buzón do Alcalde Trámites Administrativos Turismo Enlaces
4O CONCELLO
:VILAGARCÍA TURISMO:
_LA CIUDAD
_THE CITY
voluntariadogalego.org
CONCELLO
A zona de auga da piscina municipal adianta ao martes a súa reapertura tras a remodelación da galería

A celeridade coa que a empresa Prace executou os traballos de remodelación da fachada sur da piscina municipal Celestino Brianes permitirá adiantar once días sobre a data prevista a reapertura da zona de auga. Así, os vasos principal e infantil, xunto cos servizos do SPA, volverán a estar operativos para os usuarios a partir do martes, 20 de agosto. A medida é posible ao ter concluído os traballos da reforma da galería de vidro que era necesario realizar dende dentro do pavillón e, polo tanto, impedían o uso das instalacións. Agora só quedan pendentes as actuacións polo exterior, que no interferirán no normal funcionamento da piscina, e que está previsto rematen por completo o 1 de setembro, data fixada inicialmente para a execución da obra.
17.08.2024.- Aínda que a partir do martes a piscina municipal xa terá todos os seus servizos en funcionamento e a pleno rendemento (o ximnasio e as actividades guiadas en seco xa se estaban a desenvolver con normalidade durante as obras), non será ata o mes de setembro cando a concesionaria comece a aplicar a cota habitual aos abonados, que nestas semanas contaron cun desconto por non estar dispoñible a zona de auga.

Unha primeira intervención de medio millón de euros

Xunto co acondicionamento e ampliación dos vestiarios executados hai uns meses, a intervención levada a cabo na fachada sur forma parte do primeiro dos dous lotes nos que se dividiu o ambicioso proxecto de reforma e ampliación da piscina municipal Celestino Brianes de Vilagarcía. A reforma da galería de vidro pospúxose ata o verán para garantir as boas condicións climatolóxicas que permitisen actuar na instalación sen risco de entrada de auga e humidades, e tamén por causar o menor prexuízo aos usuarios, xa que nos meses de xullo e agosto descende moito a afluencia de xente.

Os traballos eran moi necesarios debido a que a estrutura presentaba moitas patoloxías e filtracións de humidades que influían negativamente nas condicións de estanquidade e condensación na zona interior onde se empraza o vaso principal. A reforma da galería de vidro consistíu na construción dunha cuberta con panel de chapa sobre as vigas e piares existentes. Esta viseira proporcionará maior protección solar no interior do pavillón durante os meses de verán e amparará da chuvia ao muro cortina en inverno. Ademais de acabar cos problemas que existían, a actuación permitirá elevar os niveis de eficiencia enerxética da piscina municipal.

Neste primeiro lote investíronse 497.575 euros, aos que haberá que sumar os outros 3,2 millóns de euros que requirirá a segunda fase, que inclúe a construción do pavillón para albergar o segundo vaso da piscina, o corredor de unión co edificio orixinal e o acondicionamento da contorna da instalación deportiva.

Outros 3,2 millóns de euros xa reservados para a ampliación

O goberno local pretende completar o ambicioso proxecto de reforma e ampliación da piscina municipal canto antes, de aí que teña reservados 2,2 millóns de euros do préstamo recollido nos orzamentos municipais de 2024 para sufragar a actuación. O millón restante financiarase a través dos fondos provinciais que lle corresponden ao Concello.

Unha vez completado o proxecto na súa totalidade, Vilagarcía contará cunha piscina ampla, moderna e adaptada aos requirimentos técnicos e de confort que deben reunir este tipo de instalacións para a práctica deportiva común e para acoller competicións federadas do máis alto nivel. Ademais, será un edificio sostible e eficiente enerxeticamente.
4Participación CIDADÁ
_Escribe o teu ALCALDE
_Regulamento de Particip.
_Queixas e Suxestións
Trámites Administrativos
  Municipais / No Municipais
»
4DÍA A DÍA
    Dic 2024  
L
M
X
J
V
S
D
           
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
         
Congreso Vai de Rúas 2022
P.X.O.M.
voluntariadogalego.org


[Inicio] [Información Turistica] [Trámites Administrativos] [Ordenanzas] [Taboleiro de anuncios] [Buzón de Suxestións]
[Novas Concello] [Axenda Cultural] [Revista Municipal] [Plan Xeral de Urbanismo] [Vilagarcía en cifras]
[Gabinete de Comunicación] [Postales] [Mapa e Rueiro] [Enlaces] [Contacto]

© 2024. Concello de Vilagarcía de Arousa
Praza Ravella, n° 1. 36000 - Vilagarcía de Arousa
- Aviso Legal - Créditos -