CONCELLO
O Concello demanda a Portos e a Costas o arranxo e pintado da balaustrada do paseo do Carril O Concello de Vilagarcía dirixiuse a Portos de Galicia e á Costas do Estado para demandar o arranxo e pintado da balaustrada do paseo marítimo do Carril, cuxo estado de abandono ofrece unha pésima imaxe para a cidade, máis aínda na época estival, cando nos visitan milleiros de turistas, tal e como o goberno local transmitiu a ambos organismos nos escritos que se lles acaban de remitir. A demanda faise ante estes dous entes por repartirse a competencia no tramo do paseo que discorre entre o alto da Rosa e a zona portuaria da Alameda.
19.08.2024.- Dende Ravella advírtese que hai varias semanas que un coche derribou un tramo da característica varanda do paseo nunha das ramplas de acceso ao mar, e segue sen repoñerse, situación que, ademais de supoñer un risco para os peóns, provoca unha imaxe de total abandono nunha zona moi visitada polas excelentes vistas que ofrece aos parques de cultivo de ameixa e á Illa de Cortegada.
A maiores, a falta de mantemento por parte dos organismos competentes fai que a tradicional balaustrada de cor branco, estea ennegrecida a causa da humidade e abarrotada de liques, o que afea unha privilexiada zona e o balcón natural ao territorio do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Por todo, dende o Concello pídese a ambos organismos que acometan coa maior celeridade posible as actuacións que corresponden nos seus respectivos tramos a efectos de que o paseo do Carril luza como o merecen os veciños da localidade e como se espera zona turística e dunha contorna de tan alto valor natural e paisaxístico.