OBRAS E SERVIZOS
Ravella renova a rede de saneamento na rúa Canto antes de proceder á obra de ensanche e asfaltado En previsión dos traballos de ensanche e pavimentación que o Concello vai levar a cabo proximamente na rúa Canto, en Sobrán, hoxe mesmo comezou unha actuación previa de mellora da rede de abastecemento de auga. Co obxectivo de previr futuros problemas no servizo que obrigasen a levantar o pavimento despois de acondicionado, o goberno local acordou executar previamente a renovación do tramo da canalización da auga que aínda é de fibrocemento e substituílo por outro novo de PVC.
19.06.2024.- Nesto precisamente consisten os traballos que comezou a realizar hoxe Espina y Delfín e que discorrerán polo tramo da rúa Canto que vai entre as interseccións coas rúas Guillermina e Escola Canto Can. A previsión é que a obra se prolongue durante toda a semana.
Será despois cando comece o proxecto de mellora da vía, actuación que executará a empresa Galsur e na que o Concello inviste 73.474 euros. Esta intervención cofinánciase cunha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e forma parte do plan de mellora e mantemento da rede viaria municipal que desenvolve a administración local.
Este proxecto permitirá mellorar un camiño que se atopaba bastante deteriorado debido ao desgaste polo intenso tráfico que soporta. Ademais de renovar por completo o pavimentado, a obra incluirá outras melloras, como o acondicionamento da rede de drenaxe ou a construción de lombos redutores de velocidade. Para que o firme quede nas mellores condicións, fresarase a capa de rodadura actual para, a continuación, botar unha nova de 6 centímetros de grosor. A maiores, os traballos aproveitaranse para ensanchar a vía nas zonas onde sexa posible, de xeito que o ancho medio do camiño pase a contar con 7,1 metros. Actualmente a vía presenta un ancho variable coa alternancia de estreitos tramos de 4 metros con outros que chegan ata os 10, o que, ademais de dificultar a circulación, supón un risco tanto para os vehículos como para os peóns.