MULLER
Igualdade organiza un curso de Competencias Clave N2 para 15 mulleres en situación de vulnerabilidade A Área de Igualdade-CIM de Vilagarcía abre o prazo de inscrición no curso sobre Competencias Clave Nivel 2, destinado a mellorar o acceso á formación profesional acreditada e á empregabilidade das mulleres en situación de vulnerabilidade. A actividade consta de 176 horas lectivas e impartirase do 16 de setembro ao 11 de novembro. A asistencia é gratuíta e ofértanse 15 prazas.
20.08.2024.-As interesadas poden anotarse nas dependencias de Igualdade entregando debidamente cuberto o formulario que poden descargar do taboleiro de anuncio da web municipal ( http://www.vilagarcia.gal ) na sede (sede.vilagarcia.gal) ou solicitar nas mesmas dependencias municipais ou na academia Kaeme. O prazo remata o 5 de setembro.
O temario do curso repártese en dous módulos (matemáticas e lingua galega), dos tres necesarios para adquirir a formación acreditativa das competencias clave. Para o vindeiro ano impartirase o módulo restante, o relativo á lingua castelá. A realización desta formación completa permite acceder aos certificados de profesionalidade que facilitan o acceso ao emprego.
As solicitudes rexistraranse por orden de entrada, asignándoselles un número de rexistro. No caso de que a cifra de solicitudes superase á de prazas dispoñibles, estas concederanse atendendo á valoración por parte do persoal da área, en base aos criterios de vulnerabilidade das mulleres: vítimas de violencia de xénero, paradas de longa duración, mulleres con discapacidade, ingresos mensuais, responsabilidades familiares…, entre outras.
Esta actividade enmárcase no IV Plan de Igualdade do Concello de Vilagarcía e conta co cofinanciamento da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2024.