CONCELLO
Ravella rexeita o recurso de reposición de Proinsa contra o acordo de liquidación do contrato do párking de Xoán XXIII O Concello de Vilagarcía decidiu rexeitar de pleno o recurso de reposición interposto por Proinsa contra o acordo plenario do 20 de xuño no que se aprobou a liquidación definitiva do contrato da concesión do párking de Xoán XXIII. A desestimación fundaméntase nos mesmos argumentos xa expostos anteriormente polos servizos xurídicos municipais e deberá ser aprobada polo Pleno na sesión do vindeiro xoves, 29 de agosto. Con isto porase fin ao procedemento da liquidación derivado da resolución do contrato da concesión e ratificaranse os termos nos que debe materializarse.
21.08.2024.- Segundo consta no informe municipal, os argumentos que Proinsa expón no recurso contra o acordo plenario son similares aos xa aducidos nas alegacións presentadas no tramite anterior, e que xa foran rexeitadas coa correspondente argumentación xurídica. En consecuencia, o Concello mantén que Proinsa debe indemnizar á administración local con 797.071 euros. Esta cantidade correspóndese co orzamento das obras que, segundo o informe pericial, deberán executarse para corrixir as deficiencias que presentan as instalacións pola falta de mantemento e conservación nas que incorreu a empresa incumprindo o contrato da concesión.
Ademais, na proposta de liquidación faise constar que se denega a devolución da garantía de 18.030,36 euros depositada no seu día pola concesionaria, cantidade que se deducirá da indemnización que lle corresponde ao Concello. A maiores, Proinsa debe ao Concello outros 121.985,97 euros polo impago do canon de explotación e de taxas e impostos municipais (IBI, IAE, vaos, lixo, saneamento) dende o ano 2014.
Como se sabe, o Concello recuperou a xestión do párking de Xoán XXII, de titularidade municipal, en marzo de 2024, tras resolver o contrato da concesión administrativa a Proinsa por incumprimento do contrato.