CONCELLO
O goberno advirte de que o peche das escolas unitarias por parte da Xunta impide fixar poboación nas parroquias rurais O peche das escolas unitarias de Solobeira e Guillán aprobado pola Consellería de Educación terá graves consecuencias a nivel poboacional nestas zonas a curto prazo, segundo o goberno local de Vilagarcía. Dende o executivo socialista advirten que “fraco favor está facendo a Xunta ao medio rural coa súa política de peche destes centros de ensino, que son un elemento fundamental para fixar a habitantes en zonas despoboadas ao contribuír a consolidar e atraer veciñanza ás parroquias rurais”.
22.08.2024.- Dende Ravella destácase que mentres a Xunta de Galicia pecha ano tras ano escolas unitarias, o Concello de Vilagarcía vén desenvolvendo unha política de creación de ampliación de prazas educativas nas zonas da periferia, como coa construción da Escola Infantil de Vilaxoán, e tamén ampliando servizos existentes e creando outros novos co obxectivo de facilitar a vida ás persoas que residen nelas e loitar contra a súa despoboación. De feito, dende que Vilaxoán conta coa escola infantil, rompeuse a dinámica de décadas perdendo habitantes, e iniciouse unha recuperación de residentes que o goberno cre que manterase no tempo.
O executivo vilagarcián lamenta a decisión adoptada pola Consellería diríxese ao grupo municipal do PP para preguntarlle si protestarán ante os seus superiores da Xunta por pechar as dúas unitarias de Vilagarcía, “ou si a defensa do rural que sacan a relucir de cando en vez só a utilizan como arma para atacar ao goberno local pedindo obras e denunciando situacións para as que logo non apoian o financiamento que permite realizalas?”.
O goberno que preside Alberto Varela tamén amosou o seu descontento co xeito de actuar da Consellería, “que non tivo a deferencia de informar ao Concello do peche dos centros educativos”, medida da que se tivo coñecemento oficial onte pola publicación no DOG.
Por último, o executivo local xa anuncia que solicitará á Consellería a desafectación e a reversión á titularidade municipal dos edificios que albergaban as escolas de Guillán e Solobeira co obxecto de darlles un uso social en beneficio da veciñanza destas zonas rurais e que sirvan de elemento dinamizador e de cohesión social.