CONCELLO
O Concello contrata o proxecto para reparar a pérgola de madeira do parque da Coca A Concellería de Medio Ambiente, a través do seu departamento de Parques e Xardíns, puxo en marcha una nova actuación para garantir o mantemento das zonas verdes e de esparexemento do municipio. Neste caso afectará ao parque da Coca e consistirá na reparación da pérgola de madeira que cobre a zona de xogos infantís. O primeiro paso xa está dado e consistiu na contratación dos traballos de redacción do proxecto técnico e na dirección de obra, adxudicados á firma JH. Arkmo por importe de 1.815 euros. Unha vez se dispoña do documento licitaranse os traballos para os que o Concello xa ten reservada partida económica nos orzamentos de 2024.
22.08.2024.- A reparación da pérgola da Coca necesita unha actuación en profundidade debido ao deterioro detectado nalgúns dos elementos de madeira debido ao paso do tempo e ás consecuencias das abundantes precipitacións e da humidade que van afectando á madeira. Dada a envergadura da estrutura e debido a que os danos principais se dan nas bases da estrutura por estar en contacto coa humidade procedente do chan, é necesario contar cun proxecto técnico que concrete as medidas a levar a cabo, de xeito que se garanta a total reparación das deficiencias, así como a seguridade e estabilidade da mesma.
Con esta xa se completarían os traballos de mantemento das pérgolas existentes nos parques do municipio. Este mesmo ano se reparou a do Miguel Hernández e hai unhas semanas a da Xunqueira. Neste mesmo parque, os operarios de Medio Ambiente tamén se encargaron de acondicionar a ponte de madeira que atravesa o río do Con á altura do corredor do parque, repoñendo os listóns de madeira deteriorados e pintando os soportes.
Tamén en relación á zona de recreo da Xunqueira, o Concello de Vilagarcía volve a instar a Augas de Galicia a que restitúa o parque infantil, cuxa reposición acumula varios meses de atraso. A zona de xogos desmontouse para realizar o tramo das obras de saneamento que pasaban por alí. Os traballos remataron antes de iniciarse o verán, pero o parque infantil segue sen repoñerse.