DEPORTE
A obra do saneamento que executa Augas de Galicia obriga a aprazar o triatlón previsto para o domingo 1 A Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía e a dirección técnica e de seguridade da organización do XIII Tríatlon Concello de Vilagarcía, decidiron aprazar a celebración da proba prevista para este domingo, 1 de setembro, debido a razóns de seguridade a causa de non ter rematado a obra do saneamento que está executando Augas de Galicia nun tramo de Valle-Inclán, por onde discorría o trazado da proba ciclista. Estase traballando de cara á posibilidade de celebrar a competición o domingo 29 de setembro.
28.08.2024.- A decisión adóptase por motivos de seguridade debido a que continúa en obras o tramo da avenida Valle-Inclan que discorre entre a rotonda de Pablo Picasso e o cruce coa rúa Veiga de Abaixo, e que forma parte do trazado da proba ciclista. A principios de agosto a adxudicataria do proxecto promovido por Augas de Galicia asegurou que os traballos neste punto estarían rematados para o 1 de setembro. Dado que para outros eventos deportivos, a empresa cumprira sempre cos prazos comunicados á Fundación de Deportes, os organizadores do triatlón confiaron en que así fora tamén nesta ocasión. Pero segundo explicaron esta semana dende a adxudicataria, complicacións durante a execución da obra na última semana impiden ter a vía despexada para o domingo.
Ante esta situación, a organización estudou posibles alternativas para variar o trazado, pero as vías tampouco reunían os requisitos de seguridade ao contar con curvas demasiado pechadas para a velocidade á que se desenvolve a carreira.
Ante o elevado risco que suporían para a integridade dos ciclistas, tanto manter o trazado inicial, como as alternativas existentes, a organización xa esta traballando con vistas á nova data do 29 de setembro, para o cal xa contactou coa Federación Galega de Triatlón, a adxudicataria da obra de Augas de Galicia e a plataforma championchip.
A Fundación Municipal de Deportes e a dirección técnica do XIII Triatlón Concello de Vilagarcía lamentan os inconvenientes ocasionados e insisten en que a seguridade e o benestar dos participantes está por riba de calquera outra cuestión.