FESTAS
A música tradicional galega e a historia de Vilagarcía danse a man o domingo na romaría urbana do Folk no Alobre Vilagarcía comeza o mes de setembro co mesmo ritmo festivo co que se desenvolveu agosto, e xa este domingo, día 1, a troula encherá de vida e alegría o Parque Enrique Valdés Bermejo cunha nova edición do Folk no Alobre. A romaxe urbana regresa cos obxectivo de poñer en valor a paisaxe e o patrimonio histórico e natural de Vilagarcía, nun formato no que o folclore e a música tradicional galega son os protagonistas absolutos. Unha xornada de festa e de diversión para vivir en familia e ao aire libre. Unha ruta histórica guiada e animada por Xurxo Souto e Os Demos da Petaca, un obradoiro de baile e os concertos da tarde son os ingredientes principais desta romaría gratuíta organzada polo Concello de Vilagarcía en colaboración co colectivo Pés de Barro.
28.08.2024.- O alcalde, Alberto varela, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, e o represnetantes do colectivo Pés de Barro, presentaron o programa desta nova edición da romaría urbana na que pola tarde actuarán os grupos Nós de Sobradelo, Bailai Malditos, Os Caruncho e Os D’Abaixo.
O Concello disporá mesas e sillas para que a xente poida almorzar comodamente no parque. As persoas que non leven a comida da casa poderán adquirir algunhas viandas nos postos habilitados pola organización.
AXENDA DO FOLK NO ALOBRE
11:00 Espectacular Ritual da Penas do Alobre. Visita guiada e gratuíta polo Castro de Alobre e parque Enrique Valdés Bermejo, acompañados por Xurxo Souto, o grupo tradicional Os Demos da Petaca. Saída dos xardíns da praza de Ravella.
13:00 Sesión vermú con A Tropa de Trapo. “Contos de nenas grandes e pequenas”, con Marta Ortiz e Brais das Hortas.
14:00 Xantar demorado. Trae a túa comida. O espazo contará con mesas e cadeiras que pon a organización e estará amenizado por grupos tradicionais.
16:00 Obradoiro “Bailar a canda os tempos”, con Carme Campo e Chus Caramés.
Concertos:
18:00 A.C. Nós de Sobradelo Fundada en 1986. Actualmente está constituída principalmente pola escola de folclore tradicional galega e os seus grupos de baile, pandeireta, gaitas e unha banda de música folclórica cun total de cento cincuenta alumnas/o. Nos últimos anos veñen realizando un traballo moi complexo en todo o que xira arredor da agrupación folclórica, ata ter un grupo de música, canto e baile tradicional. Deste xeito, son hoxe unha grande escola de referencia dentro e fóra do Concello de Vilagarcía de Arousa.
18:45 Bailai Malditos Orquestra simbólica: música de desgaste para adept@s ao baile solto. A fórmula mínima destilada por selección musical: gaita, tambor e bombo. Repertorio tradicional e de autoría propia, con grandes doses de xotas e muiñeiras e un chisco de picante. Bailai Malditos compóñeno: Xoán Porto (gaita), Xosé Tunhas (tambor) e Ana G. Lenza (bombo).
20:00 Os Carunchos Nacen a finais de 1994 coa idea de mesturar temas cantados co repertorio de gaiteiros solistas, conseguindo naquel momento unha formación nova e orixinal coa que participan nos máis importantes festivais folk do país. Gaita solista, percusións varias, polifonía nas voces e o acompañamento da zanfona fan que os directos dos Carunchos sexan unha verdadeira festa chea de forza e diversión.
21:30 Os D´Abaixo En “Somos a pedra”, a liña tradicional que caracteriza a Os D´Abaixo fusiónase, máis ca nunca, con aires novos de composicións propias. A mensaxe que pretenden transmitir con este traballo é a de permanencia. Os D´Abaixo pretenden permanecer firmes coma a pedra, configurada por un material tan duro que a fai quen de soportar o paso dos anos e das adversidades sen desaparecer, coidando así do que é noso. A súa calidade, orixinalidade e espírito festivo son a súa carta de presentación, unha banda imprescindible no folk galego actual.