CONCELLO
O Concello licita a compra e instalación de dous videomarcadores para o pavillón número 1 de Fontecarmoa O Concello de Vilagarcía vén de licitar o subministro e instalación de dous videomarcadores para o pavillón número 1 de Fontecarmoa. O valor do contrato ascende a 56.685 euros e o prazo de execución é de 1 mes. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 13 de setembro. Con esta equipamento o Concello completa a importante reforma e modernización levada a cabo nos últimos meses no pavillón principal do complexo multideportivo municipal, actuación na que se investiron algo máis de 2 millóns de euros.
29.08.2024.-.Segundo se especifica nos pregos, cada unha das pantallas terá un tamaño mínimo de 10 metros cadrados (4 metros de largo por 2,5 de alto), deben servir como marcadores deportivos e tamén como soporte para transmitir información e publicidade. Serán pantallas de última xeración e de tecnoloxía led de baixo consumo que permitan a súa instalación en espazos interiores e exteriores. O equipamento debe contar coa etiqueta da CE e permitir un amplo ángulo de visión (mínimo de 140 graos en horizontal e en vertical).
Ademais do subministro do equipamento, o contrato inclúe a montaxe e instalación das pantallas, a conexión á fibra óptica, a posta en funcionamento, a consola de control e o software deportivo e multimedia. Ademais, debe ser un sistema de fácil manexo e a adxudicataria deberá impartir unha xornada formativa sobre o funcionamento dos equipos.