URBANISMO
Vilagarcía acada as 2.500 prazas en aparcamentos disuasorios e crea zonas de residentes, baixo a estratexia Vaicar! O programa Vai! de mobilidade sostible xa ten unha nova pata: o Vaicar!, a rede aparcamentos que se une ao Vaibike! (préstamo de bicicletas), Vaiapé (metrominuto), Vaibús! (tarifa plana de autobuses) ou Vaischool! (a rede de camiños escolares seguros). Froito da estratexia de humanización das rúas, dando prioridade os peóns fronte aos vehículos, nos últimos anos creáronse 2.300 prazas en estacionamentos disuasorios, ás que se engadirán en breve outras 200. O seguinte paso será a creación de zonas de residentes e os parkings públicos con bonificacións.
30.08.2024. O Vaicar! parte do marco estratéxico que supón o Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS) que será aprobado definitivamente nas vindeiras datas. Un documento que aborda os problemas de mobilidade do concello para os vindeiros anos dende unha perspectiva transversal e global, dende a accesibilidade á seguridade viaria pasando pola calidade do aire ou a mesma imaxe das rúas.
Directamente relacionado co PMUS estará a Ordenanza de Mobilidade cuxa revisión o goberno quere aprobar tamén en breve. Nesta “nova” ordenanza se regulará outra figura moi demandada polos veciños: as zonas de residentes. Nunha primeira fase afectará a rúas de Carril e Vilaxoán, ademais de O Piñeiriño, Os Duráns, a contorna de Matosinhos e Moreira Casal. Deste xeito, aqueles que habiten esas zonas terán preferencia á hora de estacionar o seu vehículo no espazo público.
Segundo explicaron o alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Urbanismo, Paola María, na presentación do Vaicar!, o goberno local ten claro o seu modelo de cidade, que pasa por facer as rúas e prazas máis habitables e humanas, o que non significa estar “en contra” dos coches e demais vehículos a motor, senón “a favor” dun uso racional dos mesmos. De aí, por tanto, a súa aposta polos aparcamentos disuasorios, unha figura que non existía ata que Varela se fixo cargo da Alcaldía.
Dende entón, cunha política de acordos cos propietarios de parcelas pendentes de urbanización, creáronse 2.300 prazas de estacionamento en puntos estratéxicos. Prazas que, en breve, chegarán ás 2.500 trala posta en marcha de novas áreas en Castillejos (O Carril), Urbanización de Desamparados (na Lomba), Os Duráns e a Xunqueira, na contorna do complexo educativo da Lomba.
Paralelamente, e como xa se sabe, o goberno local xa se fixo cargo do parking de Xoán XIII, na praza posterior á casa consistorial. Os vilagarciáns poderán desfrutar dunha hora gratuíta e haberá tarxetas tamén gratuítas a distribuír por Zona Aberta entre aqueles que sexan usuarios do comercio local. Ademais, o parking de 80 prazas que existe fronte á praia da Concha, ata agora utilizado como depósito municipal tamén funcionará como aparcamento público, nas mesmas condicións que o de Xoán XIII, mentres o depósito será trasladado á área de Pinar do Rei, onde xa existen outros servizos municipais.
O alcalde indicou, en relación con este asunto, que o goberno local está pendente da posibilidade de facerse co parking da praza de España; todo dependerá da valoración que faga o Plan Nacional contra as Drogas, actual propietario, nunha operación similar a que xa se produciu coa contigua Casa de Jaureguízar.
Todas as accións se complementarán cunha diversas accións de comunicación, cuxo principal expoñente será o plan de visibilización dos distintos aparcamentos disuasorios a través de tótems e sinais de dirección.