CULTURA
Cornazo rende homenaxe ao gaiteiro Juan Barcala cunha escultura A lembranza do gaiteiro Juan Barcala estará sempre presente na súa parroquia natal, Cornazo, a través da escultura coa que os seus conveciños teñen previsto honrar ao músico falecido en 2021. A peza que se emprazará na contorna do centro sociocultural dos Borrizos descubrirase o sábado, 7 de setembro, nun acto público a celebrar a partir das 19.00 horas e ao que está prevista a presenza do alcalde e membros do goberno local, representantes das numerosas formacións musicais e folclóricas da que formou parte, familias, amigos e veciños do lugar. A escultura foi elaborada pola Escola de Canteiros da Deputación e inclúe unha placa conmemorativa doada polo Concello de Vilagarcía.
05.09.2024.- Con esta homenaxe a veciñanza de Cornazo recoñece e pon en valor para as xeracións futuras a importante labor que Barcala realizou para promover e conservar a música popular e tradicional galega, un traballo que desenvolveu a través das numerosas agrupacións das que formou parte ou colaborou, como Leixaprén, Lumarada de Cornazo, Os Terribles de Arousa, Os Demos da Petaca, Os Campaneiros. Santa Plácida de Rubiáns, ou Mocidade da Torre. Esta dedicación non se limitou a súa faceta como gaiteiro e músico, se non tamén como compositor. De feito, seus son temas como o “Pasodobre Leixaprén”, que soa practicamente en todas as festas populares de Galicia, e a “Muiñeira de Armenteira”.
Hai ano e medio o Concello de Vilagarcía xa colaborara na homenaxe promovida por estas formacións e un grupo de amigos do gaiteiro de Cornazo. Foi un gran evento musical, a modo de serán ou foliada tradicional, que encheu ata a bandeira o Auditorio Municipal.