CONCELLO
O Concello habilita illas de contedores para facilitar a separación e reciclaxe de residuos no Revenidas As políticas que está a desenvolver o Concello de Vilagarcía para optimizar a xestión dos residuos sólidos urbanos baixo criterios de sustentabilidade chegan tamén ao Revenidas de Vilaxoán. Co obxectivo de promover a facilitar a separación e a reciclaxe dos distintos tipos de lixo, tanto por parte da organización como do público asistente ao festival, o Concello dispuxo varias illas de contedores no interior e no exterior do recinto de concertos, así como nas zonas de acampada. Ademais, os mestres composteiros informaron ao persoal das foodtracks e aos responsables da sardiñada do domingo sobre a separación do biorresiduo, entregándolles recipientes específicos para depositar este tipo de material.
13.09.2024.- As illas de contedores distribuídas dentro e fora da zona de concertos compóñense de colectores de tamaño pequeno e diferenciados para a recollida de envases lixeiros, papel e cartón, resto e residuos orgánicos. A maiores, no marco da campaña de sensibilización sobre a fracción orgánica do lixo, repartíronse entre os postos de venta de comida caldeiros para facilitar a separación destes restos e o seu posterior traslado aos contedores marróns. Os organizadores da sardiñada tamén contarán con estes recipientes para o biorresiduo que, como se sabe, recíclase mediante un proceso de descomposición totalmente natural do que se obtén o abono denominado compost. Este proceso lévase a cabo actualmente na planta comarcal construída en Baión.