COMERCIO E INDUSTRIA
Dezaoito comerciantes e praceiros inician o programa municipal de dixitalización e revitalización dos seus negocios A Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía pon en marcha a partir de mañá o programa “Dixitaliza Vilagarcía”, destinado a revitalizar o pequeno comercio local avanzando no proceso de dixitalización e aplicación das novas tecnoloxías. Coa participación de 18 comerciantes e praceiros da localidade, o ciclo formativo ábrese coa celebración da primeira das 9 xornadas formativas nas que se proporcionará aos asistentes asesoramento personalizado e apoio á implementación das ferramentas dixitais nos seus establecementos. En cada xornada realizaranse dúas sesións, unha para os comerciantes inscritos e outra aberta a todos aqueles interesados.
17.09.2024.- A actividade inaugural leva por título “Coñece a túa audiencia” e terá como obxectivo identificar e comprender ao público obxectivo de cada negocio para optimizar a súa presenza nos diferentes canais dixitais. Esta xornada dividirase nunha primeira sesión dirixida aos comerciantes do mercado público municipal e celebrarase nas instalacións da Praza de Abastos de 16.30 a 17.30 horas; e nunha segunda, aberta a todos os comercios da cidade, terá lugar nas dependencias da firma Craftium (rúa Duráns 7) de 20.30 a 21.30 horas.
Aínda que é agora cando empeza a impartirse a formación, a empresa adxudicataria do programa de transformación dixital, leva xa semanas traballando cos negocios inscritos, de xeito que os comerciantes e praceiros mantiveron previamente sesións con expertos en dixitalización para realizar un diagnóstico da situación actual dos seus establecementos e as súas necesidades coa finalidade de establecer estratexias individualizadas e recomendar as ferramentas máis axeitadas. Ademais, as sesións formativas que se inician complementaranse con novas visitas aos negocios para deseñar un plan de acción conxunto que impulse o seu desenvolvemento dixital.
A concellería que dirixe Álvaro Carou organiza o programa “Dixitaliza Vilagarcía” no marco do proxecto “Vilagarcía Viva”, que se financia nun 80% cos fondos europeos Next Generation a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.