EMPREGO
Concello e Fundivisa ofrecen a 15 persoas formarse gratuitamente para poder acceder a un contrato laboral O Concello de Vilagarcía pon en marcha unha nova edición do Plan de formación especializada con compromiso de contratación, unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica que ten como obxectivo fomentar o emprego e axudar ás industrias locais a atopar man de obra cualificada. O alcalde, Alberto Varela, e o xerente de Fundivisa, Alberto Moreira, asinaron esta mañá o convenio mediante o que se ofrecerá formación gratuíta a 15 persoas na especialidade de Operario/a de fundición de hélices e palas, coa idea de que adquiran os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para traballar no sector neste demandado posto. Ademais, a empresa comprométese a contratar, como mínimo, a 4 dos participantes.
19.09.2024.- O rexedor vilagarcián manifestou que “renovamos o convenio de colaboración con Fundivisa para fomentar o emprego e facilitar ás empresas da cidade persoal cualificado para os postos teñen grande dificultade para cubrir e que son esenciais para os seus procesos produtivos. Trátase de ocupacións moi concretas para as que non existe formación regrada e que, con esta colaboración público-privada, tratamos de proporcionar”.
O Concello de Vilagarcía financia o custe da formación cun orzamento de 14.600 euros, e Fundivisa pon as súas instalacións para impartir as clases teóricas e para a realización das prácticas. O curso celebrarase no mes de outubro e consta de 90 horas teóricas e 56 de práctica laboral no posto concreto de operario de fundición de hélices e palas.
As persoas interesadas deben presentar o seu currículo nas dependencias da concellería de Promoción Económica ata o mércores 25 de setembro, ou mandalo por correo electrónico ao enderezo tle@vilagarcia.gal
Tras a firma deste novo convenio, o alcalde agradeceu a Fundivisa a súa implicación e participación no programa de formación gratuíta especializada, e tamén a súa xenerosidade “porque as persoas que eles axudar a formar tamén nutren a outras empresas do sector”. Este dato foi confirmado por Alberto Moreira, que explicou que “temos constancia deste feito porque en varias ocasións que chamamos a alumnos de edicións anteriores para contratalos, dinnos que non están dispoñibles porque xa están traballando”.
Respecto aos datos de Fundivisa, o xerente comentou que das 38 persoas que recibiron formación a través deste plan do Concello nas anteriores edicións, 14 foron contratadas pola empresa e destas, 6 incorporáronse ao plantel como persoal indefinido.
Moreira quixo animar ás mulleres a sumarse ao plan formativo, xa que ata o de agora foron minoría as que se presentaron “e, contra o que algúns pensen, o traballo nunha fundición pódeo desempeñar igualmente unha muller que un home”´. De feito, un dos 6 traballadores contratados como indefinidos é unha muller.
Por último Varela lembrou que o Plan de formación especializada con compromiso de contratación é só unha das medidas que ven desenvolvendo o seu goberno nos últimos anos para axudar á industria local e tamén, “aínda que non sexa competencia municipal” para fomentar a creación de emprego, citando outras iniciativas como as axudas ao emprendemento ou as subvencións á empresas para a contratación por conta allea, mellora e consolidación de emprego.