EMPREGO
O Concello destinará este ano un 38% máis de fondos a subvencionar o emprendemento e a contratación en empresas A Xunta de Goberno Local de Vilagarcía aprobará o luns as bases das axudas municipais á creación de empresas e á contratación por contra allea. Co obxectivo de continuar impulsando estas dúas medidas das políticas de fomento do emprego, o executivo local incrementou este ano nun 38% os recursos destinados a financiar as subvencións, pasando dos 87.000 euros dos que se dispuxo en 2023, aos 120.000 euros do actual exercicio. Unha vez aprobadas as bases, o prazo de solicitude para que empresas e emprendedores poidan solicitar as axudas abrirase tras a publicación do acordo no BOP.
21.09.2024.- Dende a posta en marcha destas dúas liñas de axudas, as subvencións concedidas polo Concello contribuiron á creación de 97 novos pequenos negocios en Vilagarcía e a que 56 traballadores e traballadoras do municipio atopasen emprego ou mellorasen a súa situación laboral en empresas da cidade e da súa contorna.
En relación ás convocatorias de 2024, son as Axudas á Creación de Empresas as que ven incrementarse máis a súa partida, case un 43%, ao pasar dos 42.000 euros do ano pasado aos 60.000 deste. Esta mesma cifra será a que se dispoña para as subvencións para a contratación de traballadores desempregados ou mellora das condicións de persoal xa contratado, aínda que a subida é dun 33% posto que en 2023 xa de contou con 45.000 euros.
A través da primeira, os emprendedores poden obter unha subvención máxima de 2.500 euros para a posta en funcionamento dos seus negocios. Os gastos subvencionables son os relativos aos trámites de constitución da empresa, asesoría, obras de acondicionamento do local, aluguer, adquisición de existencias iniciais de mercadorías, así como gastos correntes (auga, luz, teléfono…).
As Axudas á contratación por conta allea están dirixidas ás empresas. Neste caso, a contía da subvención varía en función do tipo de contrato asinado, podendo chegar ao máximo de 3.000 euros por traballador. Nesta edición limítase a dúas o número máximo de contratacións subvencionables por solicitante para que as axudas poidan chegar a máis empresas e cubrir máis sectores.
As axudas municipais á creación de empresas e á contratación por conta allea son dúas das iniciativas que a Concellería de Promoción Económica e Emprego dirixida por Álvaro Carou ten en marcha para facilitar a creación de emprego e contribuír ao crecemento da economía local. Con este obxectivo tamén se puxeron en marcha outras medidas, como o Plan de formación especializada con compromiso de contratación a través da colaboración con Fundivisa, ou os Premios de Emprendemento que ofrecen formación e recursos para a materialización de novos proxectos empresariais na localidade.
Aínda que as políticas de emprego non son de competencia municipal, o executivo socialista, decidiu xa hai anos contribuír na medida do posible para mellorar a situación en Vilagarcía. Faino directamente mediante a concesión de axudas e incentivos á empresas, e á posta en marcha de plans formativos para mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas, e tamén mediante a colaboración público-privada, como no caso do convenio con Fudivisa.